Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Comportamentos que levan a desolados paraños

    Escribo, isto que vostedes comezan a ler agora, hai xusto unha semana, o pasado xoves, nada máis lle escoitar dicir na tele, a persoa que debe estar ben informada, que o presidente Trump, malia ter superado un tránsito electoral que nese momento o desaloxa da Casa Branca –ignoro o que terá pasado de entón a hoxe, quen sabe, calquera cousa– non exerce a súa presidencia en funcións senón que mantén intactos tódolos seus poderes en tanto o novo presidente non xure a constitución nesa cerimonia que por eiquí tanta admiración concita.

    Se isto é certo, e parece que non é mentira, o presidente Trump, no probable caso de que sexa sometido a xuízo e mesmo condenado, terá a capacidade de se auto indultar facendo uso da súa condición presidencial. Como pra se poñer a discutir agora se é preferible unha república como a estadounidense ou unha monarquía coma a española.

    Sospeito que a grandeza dos Estados Unidos da América do Norte non dependa unicamente da Constitución senón dun sistema de valores impulsado con forza, firmeza e durabilidade, polos que eles coñecen como os “Padres Fundadores”, masóns moitos deles.

    O sospeito así porque, mutatis mutandis, a Constitución que rexe nos Estados Unidos Mexicanos ven sendo practicamente a mesma que a dos seus veciños do norte e ben se ve que os resultados non é que sexan disimiles e que non son exactamente iguais e, por moitos masóns que haxa en México, que seica os hai, a influenza dun catolicismo sui generis fai que primen tanto o seu sistema de valores como un moralmente devaluado comportamento, unha ética elástica, na que caben moitos máis sen sabores dos realmente desexables.

    Existindo como realmente existe un problema conceptual, una contemplación intelectual, acerca da dicotomía monarquía-república conviremos, ou iso espero, en que a cousa non é tan sinxela como a primeira vista se ofrece. Haberá que ver que poderes corresponderán a un presidente de república e cales obran en poder de El Rei nas circunstancias actuais.

    Vaia por adiantado que sendo intelectualmente republicano non quixera pró meu país un presidente que, como no seu momento Hitler e Mussolini, máis tarde mesmo Berlusconi e actualmente ameaza con ir facendo Trump, poidan ir afacéndose en poucos anos cunha dimensión do seu poder que soborde toda expectativa racional. E o mesmo vale no caso dalgunha das monarquías asiáticas ou orientais actualmente en vigor.

    Simplificando moito, unha cousa é ser rei e outra que non se lle parece en absoluto é estar de rei. O monarca Trump pode auto indultarse. Síntoo polo rei emérito e por todo o que poida estar esperándolle. Pero ser é unha tranquilidade que o noso sistema democrático sirva pra que os poderes do Estado exerzan o necesario control entre les como pra evitar, non na medida do desexable pero si cando menos na medida do imprescindible, esa regulación que a modo de osmose ha impregnar, pouco e pouco, ó resto da cidadanía.

    Como eludir posibilidade semellante no noso entorno? Posiblemente non lendo aqueles xornais, nin escoitando aquelas emisoras, nin sequera vendo aquelas cadeas de televisión que coincidan cos nosos máis elementais postulados persoais. Senón escoitando tamén ás que se opoñan a eles. E logo reflexionando; é dicir, non praticando o pensamento cómodo e fuxindo da ética elástica e acomodaticia.

    Tampouco denigrando a un tenista por expresar unha opinión, algo ó que ten perfecto dereito, senón sinalando a aqueles que da inconsistente opinión dada por un mozo, que sí é un prodixio xogando ó tenis, pero non máis, nin menos, a espallan, ensalzandoa, ó mesmo tempo que o elevan a el a unha categoría intelectual e de representatividade e sensatez política ambas moi arredadas da realidade; tanto e tan arredadas dun pensamento coherente que fan recordar aquel chiste dun que meteu a pata sinalando a unha muller como puta e resultou que era a irmá do seu contertulio de xeito que rectificou axiña: “bueno, puta pero no bo sentido da palabra” o que é tanto como afirmar que El Rei puido prevaricar, pero hai que terlle en conta todo o que fixo polo país. porque polo país tamén fixo o que fixo.

    Así que se non queremos trumpicóns como o que se vive nos USA, nestes días, por favor, non copiemos hábitos e comportamentos que xa vemos a que desolados paraños conducen.

    12 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito