Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Con parches non se fai camiño

    Malia as medidas do Governo por máis de 6 mil millóns, máis dez mil millóns en créditos ICO, para facer fronte ao aumento do prezo da enerxía, e forzadas polas mobilizacións do sector do transporte e o medre do descontente social, as protestas non parecen devecer. Sen dúbida alentadas porque ao tema enerxético se lle suman os múltiples atrancos no fornecemento da cadea produtiva, dende alimentos básicos até microchips como consecuencia primeiro da pandemia e agora polas sancións a Rusia, que deixan en evidencia que a inflación non é tan doada de controlar. Os datos así o amosan: o IPC foi dun 7,6% no mes de febreiro no Estado español, en termos anuais (4 decimas máis no caso de Galiza), e no mes de marzo xa atinxiu o 9,8%. Ademais, todo indica que mesmo que se chegue a un pacto de paz, algo que non é doado cando hai tantas potencia salientando a guerra, non está claro que isto implique a eliminación das sancións, e polo tanto do encarecemento de materias primas e enerxía, tendo en consideración que Rusia é un gran exportador.

    Polo tanto, ten lóxica que o acordo coa patronal do transporte, moi optimista respecto do escenario nos vindeiros anos, sexa visto con desconfianza por parte daqueles máis golpeados no sector, e que nestes últimos días se sumasen ás protestas colectivos moi diversos afectados pola situación. Este descontente foi recollido polo BNG axuntando a varios milleiros de persoas, na manifestación que realizou este pasado domingo en Compostela, na que ademais de intervir Ana Ponton, portavoz da fronte, tamén o fixeron persoas dos colectivos máis afectados pola inflación, como pensionistas, transportistas, traballadoras/es do agro, do mar ou a xente moza. O que reflicte a centralidade deste tema tanto nesta conxuntura como en relación co futuro do noso país. Tampouco se pode obviar que esta problemática sumase a outras como a das comarcas afectadas negativamente polas macro instalacións de eólicas, como en Curtis, dos meixilloeiros que ben en perigo a continuidade das explotacións polos cambios na normativa realizados por pesca. Ao que hai que engadir os peches das centrais térmicas, de empresas de torres eólicas, do naval, do aluminio, de oficinas bancarias, o deterioro do servizo nos centros sanitarios de atención primaria por falta de persoal, etc.

    A redución da inflación semella non é un tema sinxelo, non é algo conxuntural, xa que a globalización neoliberal está ferida de morte. Ademais, tendo en consideración que con guerra ou sen ela, todo amosa que ficamos diante dunha confrontación entre, por un lado, as potencias hexemónicas e súas corporacións máis importantes, que non queren ceder privilexios, e polo outro, as potencias emerxentes que queren un trato de igualdade. O papel dos países dependentes é secundario e a xustiza social está nun segundo plano, malia a importancia de ambos, mais terían maior peso nun mundo multipolar. Todo indica que Estados Unidos, a UE e outros países aliados, mesmo cun acordo de paz entre Rusia e Ucraína, manterían as sancións económicas, a presión nos medios, daquela a demonización de Moscova. En poucas palabras apostan por unha guerra hibrida, que busca eliminar ao “inimigo” ou dividir o mundo en bloques. Non é algo que se solucione en dous días e que vai para alén do enerxético, e que se debería abordar nun debate público e con perspectivas máis estratéxicas. Non chega con parches, que nunca cambian a tendencia dominante. A menos que o obxectivo sexa que se quere manter ao povo afastado das cuestións centrais, como son: o envío de armamento á Ucraína, mesmo que sexa simbólico, o aumento en dez mil millóns o gasto en defensa, o apoio a Marrocos na ocupación do Sáhara e á renuncia ao dereito de autodeterminación do povo saharauí. Formará tamén parte deste cambio o novo acordo con sindicatos e patronal en materia salarial?... un novo pacto da Moncloa?

    Resúltame difícil de crer que todo estes temas non se debatan na Comisión en Bruxelas, non haxa un plan definido. O preocupante se así fose, que a mínima divulgación que se realiza implicaría que entenden a democracia como unha consulta formal, carente da participación e protagonismo das clases populares. A outra opción sería o triunfo na UE do tacticismo, da mediocridade.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    06 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito