Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Confesións dun policía

    Entre os participantes nun conflito protagonizado por un grupo terrorista, os policías –e eventualmente os membros dos servicios de intelixencia militar- son os menos proclives a falar, pasado o tempo, de cadansúa experiencia. En primeiro lugar, por obvias razóns de seguridade persoal, especialmente se se trata de funcionarios que actuaron en accións encubertas e en tarefas de infiltración ou delación. En segundo lugar, porque na loita contra bandas de tipo mafioso e máis aínda de carácter terrorista, o límite da legalidade non sempre é respectado (non digamos xa se se trata de operacións que poderían seren consideradas como guerra sucia, incluso cando teñen cobertura das autoridades).

    Este andar polo arame, como se se tratase de equilibrios de circo, foi definido con precisión polo antigo policía e xefe superior do País Vasco Enrique Pamies: “A loita antiterrorista supón andar descalzo por un fío que corta. Nun lado está a legalidade e no outro a ilegalidade. Para poder avanzar, unhas veces hai que apoiar o pé nun dos lados e outras no outro. É mentira que só co Estado de dereito se acaba co terrorismo. Quen diga o contrario falta á verdade ou non sabe de que fala”.

    Enrique Pamies pasou a ser materia de prensa cando en 2011 o xuíz Pablo Ruz, quen substituía a Baltasar Garzón na Audiencia Nacional, ordenou investigar porque fallou un operativo concertado en 2006 entre as autoridades policiais e xudiciais españolas e francesas cuxo obxectivo era deter a diversos membros da rede de extorsión de ETA. Segundo as investigacións feitas pola Garda Civil por orde do xuíz Ruz, o propietario do bar Faisán, de Irún, que formaba parte da rede de extorsión, foi avisado vía telefónica para que a persoa que tiña que recoller unha entrega de diñeiro non acudise, xa que ía ser detido.

    O autor da chamada, segundo a sentencia posterior, foi Enrique Pamies, e o intermediario para facela un inspector de policía de Vitoria, José María Ballesteros. En 2013 ambos foron procesados e condenados por revelación de secretos a ano e medio de cadea e catro de inhabilitación, sendo absoltos de colaboración con banda armada.

    Tal procesamento non tería maior transcendencia de non concorrer dúas circunstancias: unha, a tregua de ETA, momento de negociacións entre o goberno de Rodríguez Zapatero e a banda –con especial protagonismo do daquela ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba-, e o destacado membro do PSE-EE Jesús Eguiguren. A outra, a ofensiva do PP de denuncia do presunto aviso ao propietario do bar Faisán para desgastar ao goberno socialista; unha vez Mariano Rajoy foi presidente do goberno, o fiscal xeral do Estado que nomeou, Eduardo Torres-Dulce, ordenou á fiscalía que procesase a Pamies e Ballesteros.

    A miña lembranza daqueles feitos foi de perplexidade. Cando apareceu a noticia do presunto aviso, considerei que habería razóns cuxa importancia escapaban aos cidadáns comúns para que un policía de tanto nivel actuase de tal xeito; cando o PP comezou a teima contra tal aviso en 2009, sorprendeume que un asunto pasado fose presentado con tal virulencia.

    Estes feitos e moitos outros aparecen agora narrados polo xornalista Pablo Muñoz e polo inspector de policía e avogado Antonio Sala, que recolleron as confesións de Enrique Pamies no libro Cómo luché contra ETA. De los años de plomo al caso Faisán (Almuzara). Cómpre dicir de entrada que a súa lectura resulta apaixonante, con independencia de que esteamos de acordo ou non coas opinións dos seus autores. En calquera caso, ningún lector poderá poñer obxeccións á traxectoria profesional de Pamies e á súa maneira de encarar, desde a comisaría de Donostia, a súa loita contra a banda terrorista e, especialmente, contra a kale borroka.

    Con todo, o lector que coñeceu aqueles anos de chumbo atopará en falla algunha que outra referencia ás responsabilidades das autoridades verbo da guerra sucia contra ETA: desde os casos máis flagrantes de tortura e desaparición de presuntos etarras (Lasa e Zabala, Zabaltza) ou a comprensión –impropia nun funcionario demócrata- que Pamies manifesta verbo das actuacións do GAL, por moi terrible que fose a actuación de ETA daquela. Joaquim Ventura

    10 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito