Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 11 julio 2020
11:38
h

Confianza, para rexenerar a esperanza

    ONDE vai a miña sombra e a sombra do meu pobo que escurece detrás da ramaxe, detrás dos tesos cumes do Courel, detrás das abeleiras do Castelo, de Monfero, de Santa María das Ermidas ou, mesmamente, ao sollío, na praia das Abelairas, xunto do mar de traballo, peixe e frescura. O pobo sempre cala, educadamente, cala, escoita e mira. Traballa e recorda, sofre, soporta e anda. Quen me dera que o meu pobo (que é o voso) fose libre, libre de ataduras, de mangantes, de explotadores e de tódolos pseudos. Quen me dera que o meu pobo fora dono de seu, de seu e do seu! Si, señor! Sen nada e con todo ao mesmo tempo.

    Con todo e con nada hai millóns de persoas no mundo rico. Máis dunha ducia de millóns, algo máis do 26% da poboación do Estado Español estaba en Risco de Pobreza e/ou Exclusión Social en 2018, segundo o informe AROPE, da Rede Europea de Loita contra a Pobreza. Pobreza e miseria é o que abunda, incluso, nos eidos da cultura, nas relacións sociais, nas capacidades intelectuais, nas miradas e na escoita. Moitas son as persoas que minguaron a súa capacidade e a súa vontade de escoitar, de interpretar, de entender e de estar.

    Quen carece do necesario para vivir ou quen non ten máis ca o estritamente necesario é pobre, viva onde viva e sexa de onde sexa. Cóntanse por millóns. É obvio que a poboación mundial máis vulnerable necesita protección social, traballo e acceso aos servizos esencias. Os outros, os que mandan, deberían contribuír a este labor, para achicar e reducilo risco.

    E, vai a máis. Agrándase a inxustiza, medran as desigualdades e os sufrimentos, aumentan os desequilibrios de todo e de calquera tipo, sae o regueiro do seu leito e non é quen de volver a recuperalo. O mundo estremece e non pasa nada, todo segue igual na mesma rumba. Os que mandan manda e os outros obedecen, observan, respectan e calan ou protestan, se é o caso, tal como interesa. Silencio seguido, esperando polo prometido e despois esperando polo que veña, igual que esperaban e esperan os maiores, coa tranquilidade plena de que o futuro está por vir, probablemente, pendente dun soño.

    Todo é posible e inseguro, pero, algún día destes anos, avistaremos un mundo novo, diferente e tan grande, no que se poida falar da convivencia entre iguais e en igualdade de condicións. Nestes tempos de incerteza e de clara necesidade de redución da pobreza, os actores políticos deben contribuír a xerar confianza para rexenerar a esperanza, para acadar o benestar xeral, sen ocorrencias, sen estridencias e co seu labor diario ao servizo da sociedade que lles paga, esquecéndose dos intereses particulares, eses que, como día a Tía Manuela, cambian a propia conducta.

    30 jun 2020 / 20:18
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.