Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Construír un mundo mellor, ou a lei do máis forte

    Toda amosa que a Unión Europea está nun dos seus momentos máis difíciles, non só polas súa incapacidade para confrontar eficazmente contra o covid en comparanza con outras potencias ou estados, senón tamén porque non está claro como vai remontar a crise económica. Xa que, aínda que os fondos europeos para superar a crise sexan importantes, todo indica que chegaran tarde e non están clarificadas as prioridades, cando menos cara a sociedade, para alén do enerxético e a tecnoloxía. Cal será a capacidade real que terá cada estado para desenvolver medidas que lle permitan obter destas achegas o mellor resultado dacordo coa súa realidade? Seguiranse as políticas de sempre por parte da UE, boas palabras, e que o reaxuste se faga en beneficio dos centros de poder e do gran capital? O certo é que non se espera que a economía recupere o PIB de 2019 até o ano 2022, e debese en gran medida a que a vacinación da povoación vai máis de vagar do esperado.

    A pandemia do covi-19 deixou en evidencia a fraxilidade da humanidade, pola desfeita ecolóxica, pola incapacidade do sistema para dar respostas a esta etapa histórica, e tamén reflectiu as contradicións e debilidades da Unión Europea (UE). Despois de tres meses, o número de vacinas que chagaron á UE, en porcentaxe respecto da povoacion, son moi inferiores ás subministradas en Estados Unidos, Emiratos Árabes, Israel e mesmo Chile. Mais tamén en relación co Reino Unido, cando non hai tanto tempo a Comisión cansouse de argumentar que Londres ía cara o desastre despois do Brexit. Non é casual que algúns países como Italia estean pensando en mercar pola súa conta as vacinas, ou que Hungría xa o fixese coa rusa Spútnik-V. Por certo, Bruxelas nunca aclarou porque non merca vacinas rusas ou chinas. A confrontación entre potencias tamén se trasladou ao ámbito da saúde? Semella que é así polas declaracións de Macron. Que triste e preocupante.

    O segundo aspecto no que a Unión Europea está amosando seus límites estruturais é, como xa se dixo, no referente ás achegas e prestamos para superar os efectos da pandemia. Pasan os meses máis as axudas non chegan ou fano tan de vagar, e en contía tan cativa, que deixan no desamparo a milleiros de persoas con dereito aos ERTE ou IMV. Uns efectos que tamén se notan nos sectores económicos máis golpeados polo virus, co peche de empresas que logo será moi difícil ou imposíbel recuperar, co que implica de perda de postos de traballo e retroceso social. Porque Sánchez, o PSOE e Podemos, non teñen unha actitude máis esixente? E porque o PP e VOX son tan europeistas en cuestións tan esenciais cando no interno poñen o españolismo por riba de calquera dereito colectivo?... Estas son as contradicións dos partidos estatais e as consecuencias de depender no externo da maquina de emitir moeda do BCE, de carecer de soberanía para regular os aranceis do mercado exterior, de non decidir as políticas macro económicas e de alianzas, por non falar da submisión a estruturas controladas directamente polos Estados Unidos como son a OTAN, e o sistema SWIFT.

    Daquela que, nunha conxuntura tan complexa, na que que ademais de saír da pandemia e recuperar o emprego, é necesario construír unha nova economía, autocentrada e sustentábel, dando polo menos os primeiros pasos, e non só no aspecto sanitario, é preocupante que Bruxelas decida sumarse ás políticas de confrontación de Washington contra Rusia e China. Cando resulta evidente que Biden faino para manter privilexios económicos e militares, que non son por razóns de mérito senón por concesión mesiánica, o que lles garante a administración absoluta da democracia e ben estar da humanidade. Pretendendo así botar un manto sobre os centos de bases militares que ten no mundo, a inxerencia noutros estados apoiando todo tipo de ditaduras, e a desfeita de todos aqueles países nos que intervén: Somalia, Afganistán, Libia, Siria, etc. Por non falar da espionaxe económica e da manipulación do dólar, no seu beneficio.

    Neste caso o obxectivo real de Biden é formar un bloque económico e militar que ille a China e Rusia, e outras nacións, para poder competir en condicións de vantaxe fronte a estas potencias emerxentes que lle están disputando a hexemonía e consolidando un mundo multipolar. É verdade que ambos bloques non teñen grandes diferencias no modelo e obxectivos, agás no papel que xoga o Estado e o aspecto multipolar, que é central tamén para as nacións máis pequenas. Cómpre ter en consideración a disputa na innovación tecnolóxica, o avance neste terreo de China (o 5G e a intelixencia artificial), e que a proposta norteamericana implica unha alianza na que a UE segue nun papel subordinado. Os Estados Unidos busca reproducir a década dos 90, obviando os grandes cambios demográficos, económicos e sociais, como consecuencia da globalización neoliberal, que aumentaron as contradicións en todos os ámbitos e redefiniron o panorama internacional e os roles de cada estado na cadea de valor.

    O preocupante é a postura de submisión aos Estados Unidos que asume a UE, tendo en consideración o que implica de imposición e violencia. Aínda que esta actitude non é casualidade. Resulta evidente que a UE é unha burocracia ligada aos grandes grupos económicos, moitos deles norteamericanos (que son un poder interno na UE). Tamén hai diverxencia entre os países que a integran respecto do camiño a seguir, daquela que as veces recobre forza o debate de defender un modelo propio, porén a tendencia hexemónica sempre volve a ser a da alianza submisa con Washington para obter unha parte do botín. A única alternativa, para mudar esta evolución regresiva no social e cultural, na que os povos europeos e a clase traballadora están secuestrados, é: a mobilización popular contra estas políticas imperialistas, globalizadoras e neoliberais, que colocan ao mundo nunha situación de violencia extrema, e recuperar a soberanía nacional en todos os aspectos, tamén das nacións sen estado (como é o caso de Galiza).

    A resposta social e política ao tema sanitario e a saír da crise económica, que son aspectos urxentes, non debe apartar do debate e do horizonte as cuestións estratéxicas, de que tipo de sociedade, economía e democracia queremos; e cal vai ser o protagonismo dos povos e o reparto entre as nacións e entre as clases sociais da riqueza, do traballo, e do poder. A nova alianza entre USA e a UE, pos Trump, que se está a tecer é unha volta ao pasado, ese que nos levou a este desastre sanitario, ecolóxico, e ao auxe da desigualdade, emigracións forzadas, da violencia, economía delituosa e especulativa, das intervencións se sancións (a lei do máis forte). Os grandes avances científico técnicos deben estar ao servizo dun mundo con futuro e mellor, non dunha maior concentración e centralización do poder e da riqueza, e de mecanismos de control social para impoñela como única saída.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    01 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito