Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Consumo e ministerio

    DICIAMOS hai uns días que o ministro de Consumo errara –polo menos de forma directa– na súa mensaxe sobre o consumo de carne. De forma directa, porque descoñecemos os propósitos ou intencións deseñadas desde o gabinete do sr. ministro e que poideran obedecer exclusivamente a impactos sobre posíbeis eleitores. A mensaxe non está dirixida a consumidores informados sobre o que é conveniente comer; estes non están esperando polo que lles vai recomendar un prescritor pouco fiábel.

    Os que dependen de outros para se alimentar non teñen eleición. Os que só consomen o que é barato e accesíbel son indiferentes ás recomendacións e, finalmente, os cidadáns que andan coas modas e teñen unhas ideas superficiais sobre o san e conveniente, si receben mensaxes como esa. Este grupo está formado por unha parte da poboación nova, urbana, con boa capacidade de consumo, sensíbel ás mensaxes progres e mais supostamente ecoloxistas.

    Ese grupo si só é amigo de experimentar, de cambios, de probas de novos produtos, modas e veganismos ao paso. Esa mensaxe non ten como finalidade mellorar o consumo consciente de alimentos, entre eles algúns tipos de carne procesada, senón se congraciar –declaración por medio– cunha parte da poboación moza dun determinado estrato social, cun nível de renda medio/alto.

    Cambiando de focaxe –e de ministerio– observamos como o subsector da gandaría (a galega en concreto), o conxunto do sector produtivo de carne de vacún, de porco e de aves, é hoxe sobradamente capaz de producir e competir en condicións marcadas pola política común da UE.

    Vista a evolución desde os anos 80 do século pasado a hoxe, lamentamos profundamente que apareza hoxe un gobernante moi pouco consciente, movendo negativamente o mercado de consumo, despois de ter pasado o calvario de converter, a toda velocidade, unha produción gandeira en extenso nunha intensiva, e agora voltar ipso facto á extensiva ao modo comunitario.

    Por certo, este modo comunitario actual da nova estratexia da UE marcada no Obxectivo comunitario de neutralidade climática, en concreto a Estratexia UE sobre metano como parte do Pacto Verde Europeo, contempla paliar as emisións de metano das granxas masivas que dominan na produción europea obrigando a plantar (ou contar con) 5 árbores por cada res de vacún.

    Ocorrencias á parte, agora chegou o momento de se decatar das deseconomías e mesmo prexuízos sociais e medioambientais evidentes, que a produción intensiva de gando provocou e segue a facer, pero o que é absolutamente insensato é promover accións paliativas do cambio climático recomendando non consumir carne.

    Non obstante, botamos de menos a presenza de accións ministeriais no campo de consumo doutros que son ineludíbeis e que non teñen alternativa algunha para a vida diaria: os contratos de adhesión que nos vemos obrigados a asinar coas compañías de enerxía e combustíbeis, coas empresas de telefonía, coas subministradoras de auga e recollida de lixo, os de transportes..., non resisten o máis lixeiro exame desde a perspectiva do equilibrio entre renda dispoñíbel e gasto necesario, o mínimo de xustiza social desde o rol do Estado como vixía e garante do mantemento dos dereitos dos usuarios de servizos públicos.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito