Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Contra a discriminación fonética

    O defecto principal do xacobinismo non sería tanto a teima polo igualitarismo político e administrativo gobernado desde a capital do Estado, como a unificación mental e lingüística a prol do idioma dominante (normalmente, por dominador) coa conseguinte negación das outras linguas que se falen. Pero aínda que se consiga a case extinción de estas, os falantes ou habitantes das súas zonas tenden a conservar a inercia fonética.

    Non esquezamos que as linguas se reproducen por mimetismo familiar ou veciñal. Poñamos por caso o acento dos habitantes de Aragón. A lingua románica resultante da latinización cun substrato ibero-vasco ao norte do Ebro, o navarro-aragonés ou aragonés, pasou ás terras dominadas polos musulmáns na Idade Media, de xeito que tivo unha expansión territorial en zonas alleas á súa xénese: cando o castelán pasou a dominalas, impregnouse da súa curva harmónica.

    Outro asunto son as variacións que cada idioma experimenta no seu seo por razóns diversas. Así, as falas andaluzas resultarían tan correctas como esoutra pretendida pureza do castelán do norte do Douro. Unha cousa é fixar un estándar gráfico e fonético e outra, ben distinta, negar as diverxencias tanto das xeradas dentro dun rexistro idiomático coma as producidas desde outros.

    Sucede que en Francia son maioría os que falan o francés de maneira distinta á dos que se educaron na cerna culta de París, circunstancia que con frecuencia supón un menosprezo cara aos primeiros. Contra iso, a Asemblea Nacional aprobou o pasado novembro –en primeira lectura- unha lei que castigará calquera discriminación por razón fonética, que se engade á non discriminación por razóns de sexo, etnia, discapacidade ou relixión.

    O novo primeiro ministro, Jean Castex, tivo que pasar a proba de fogo. De orixes gascoas pero educado en terras catalás francesas, malia ser un “enarca” (educado Na Escola Nacional da Administración) conserva a forma meridional de falar francés, cunha cadencia máis lenta e cunha lixeira realización das vocais finais (que desaparecen na realización parisiense). A proposición de lei foi presentada por Christophe Euzet, deputado de Perpiñán, de Agir Ensemble, escisión de LREM, malia o cal tivo o apoio do goberno de Macron.

    Houbo reaccións de todo tipo. Desde os territorios, a tahitiana Maina Sage, felicitouse pola proposta e lembraba as dificultades que teñen os polinesios á hora de falar francés; o bretón Paul Maulac –socialista, próximo á UDB hai un tempo- criticou que as televisións esixisen acento parisiense para exercer de locutor. Pola contra, non cabería esperar apoio da extrema dereita, que considerou indecente e fóra de xogo a proposta; desde o rexionalismo de dereita, Jean Lassalle –deputado dos Pireneos Atlánticos- rexeitou a lei porque non quere pedir caridade por ser como é. Pero a máis histriónica –como é habitual- foi a de Jean-Luc Mélenchon, principal dirixente de Francia Insubmisa, que sempre criticou a forma lenta de falar de Castex. Xacobino coma poucos –ten verdadeira fobia á lingua provenzal- Mélenchon é unha mostra evidente de autoodio: non esquezamos que é deputado por Marsella e que é neto dun murciano, Antonio Melenchón, e dun valenciano, François (Francisco) Bayona.

    Entre nós, poucos casos temos de locutores/as de Televisión Española que conservaron o seu acento rexional. Lembremos o caso de Cristina García Ramos, que mantivo sempre a súa maneira canaria de falar castelán; ou as orixes galegas que facilmente se detectan no meteorólogo lugués Martín Barreiro. Entre os gobernantes de ámbito español, lembremos o marcado acento andaluz de Felipe González ou da actual ministra María Jesús Montero, ou o arrastre catalán que tiña Ernest Lluch.

    Moitas veces, esa glotofobia ten unha razón máis de clase ca de orixes xeográficas. Ao cabo, falan o idioma de maneira semellante un terratenente sevillano e os seus xornaleiros. Por iso, a teima que moitos burgueses barceloneses tiñan contra Lluís Companys non era tanto polas súas ideas progresistas senón pola percepción que del tiñan por ser orixinario dunha vila das terras de Lleida, o que a súa maneira de falar lle daba unha connotación labrega.

    Joaquim Ventura

    22 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito