Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Coronavirus en campaña

    Desconfío, como Fernando Savater, do paternalismo estatal que busca a nosa curación restrinxindo os nosos movementos, pero non se me ocorre comparalo, como el, co Estado policial dos colectivismos e respondo afirmativamente á pregunta que se fai o brillante filósofo libertario dos vellos tempos sobre se son inevitábeis esas restricións ante a dificultade de tanta xente de xestionar a súa liberdade sen danar aos demais. Coincido con outro filósofo, o esloveno Slavoj Zizek, en que a nosa sociedade global ten recursos dabondo para coordinar a nosa supervivencia e organizar unha forma de vida máis modesta, cunha cooperación a escala mundial que nos prepare mellor para seguintes crises, pero son moi escéptico sobre as posibilidades de que tal cousa aconteza de xeito inmediato e como consecuencia directa desta pandemia que aínda non dominamos, e bastante escéptico sobre as posibilidades de que iso suceda algunha vez (desde logo, persoalmente, non creo que o vexa).

    Isto das epidemias é tan vello como a vida mesma -consideradas castigo dos deuses non hai tanto tempo-, pero parece que non rematamos de aprender. Dedicamos en todo o mundo máis recursos a prepararnos para as guerras que a prever os ataques víricos, que parecen acelerarse e intensificarse neste século ate o punto de que algúns pensan que temos máis posibilidades de ser atacados por virus que por mísiles. Un dos que dicía iso, xa hai cinco anos, en plena epidemia do ébola, foi Bill Gates, cuxa fundación contribúe a traballos de investigación neste terreo e ven de aumentar a súa contribución á Organización Mundial da Saúde, como unha réplica á retirada de fondos anunciada por Trump.

    Cando pase esta pandemia, na que España está a ocupar lugares destacados que ninguén desexa aínda que teña veciños tan ilustres como Estados Unidos, Reino Unido, Italia e Francia, veremos se todos os propósitos de emenda que algúns propoñen serven para algo. Ou se volverá este ou outro coronavirus a collernos desprevidos e obrigados, unha vez máis, a improvisar. En España, ademais, pode que sigamos a facer fronte, simultaneamente, ao noso coronavirus particular, a campaña electoral permanente que vivimos desde o 2015, polo menos, aderezada coas aventuras dos independentistas catalás coa secuela de contaxios en comunidades como a de Madrid.

    Nestas perspectivas sombrías, non sei se rematar coa evocación de La peste, en cuxo final Albert Camus suxire que en calquera momento poden volver as ratas a sementar a morte nunha cidade ditosa, ou -nunha evocación máis moderna- repetir a frase de A Game of Thrones (“Xogo de tronos”) coa que Caetano Díaz titulaba o seu último artigo: a noite é escura e agocha horrores.

    06 may 2020 / 09:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito