Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Courel

    Álvaro cunqueiro comeza o seu Merlín e familia recoñecendo unha propiedade intemporal da paisaxe, unha propiedade que, entre outras cousas, consagrou a categoría, dentro da historia universal da pintura, dos grandes paisaxistas (Van Ruisdael, Constable, Friedrich...). Di Cunqueiro: “Quizaves millor que decila fora pintala, a selva de Esmelle”. En efecto, a paisaxe natural ofrece a unha percepción sensible tal cantidade de matices e conexións sensoriais (arrecendos, sons, cores, texturas...) que, para a súa transmisión, as verbas, mesmo para os máis esixentes e precisos narradores, tornan un recurso insuficiente fronte á paleta experta do pintor.

    Hai días, lembraba eu a selva de Esmelle e as palabras de Cunqueiro, subindo desde Moreda do Courel (tan cantada polo bardo Novoneyra) á Fonte dos Cervos, no cumio da devesa da Rogueira, un duro ascenso de dúas horas e media a pé lixeiro. Nin a mellor descrición daría conta da, case violenta, beleza dunha paraxe que, en si mesma, contén a maior diversidade botánica de toda Galicia e o setenta por cento das bolboretas do país. Como a devesa no seu conxunto, como o Courel todo, a Fonte dos Cervos é un lugar máxico, no que a rocha vermella zumega unha auga que xoga aos reflexos coa vista asombrada de quen a contempla. Cando aló chegamos, había dous fulanos fotografando, precisamente, bolboretas. Un resultou ser un coñecido fotógrafo naturalista coruñés, que, para conmemoración do casual encontro, nos agasallou coa instantánea dixital dunha fermosísima Abraxas grossulariata tomada alí mesmo. Na miña opinión, estes encontros na natureza teñen moito de atávico, como de compartir suores, esforzo e soidade para consagralos, sen escrúpulo e alén do tempo, a un impúdico amor pola vida salvaxe.

    Courel, como a Brocéliande céltica de Viviana e Merlín, como a selva de Esmelle cunqueiriana, é un fermoso nome, evocador dunha rexión de soños, na que os sequeiros dos soutos centenarios gardan o segredo das fadas e as augas das fervenzas o canto doce das ninfas. Pero, máis alá de lirismos e transportes poéticos, o Courel é a crúa realidade dun país que esmorece, testemuño ou último reduto dunha Galicia rural e auténtica enfrontada ao supremo valor da frenética existencia urbana. Seara, Paderne, Ferreirós, Vilarbacú, Seceda, Ferramulín, Visuña... son cada vez máis un mero reclamo turístico ou unha habitación de fins de semana para urbanitas románticos. As máis das casas permanecen baldeiras durante os longos e duros invernos da montaña. Ninguén labra os eidos, ninguén roza no monte e mantén a raia o mato, os sequeiros das castañas caen abaixo en ruínas... Lonxe de constituír unha oportunidade para revitalizar nas novas xeracións os valores dunha cultura rural rendible e atractiva, o Courel déixase morrer coa mansedume dun año a quen se sacrifica no altar da innovación, dos parques eólicos e a tecnoloxía, da competitividade e dun cego desenvolvemento (a itálica é miña) que, como Saturno, devora sen piedade os propios fillos.

    28 ago 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.