Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Covid: efectos colaterais nas aulas

    LEVAMOS anos escoitando a necesidade de innovar e de recorrer a novas metodoloxías na aprendizaxe como, por exemplo, a cooperativa, unha das máis implantadas nos centros educativos. De súpeto, por causa de forza maior, volvemos a aulas dos anos 40 ademais de vérmonos abocados á docencia en liña que, sen dúbida, contribúe a reforzar e a complementar a presencialidade pero que, por suposto, non a substitúe.

    Onde había mesas e cadeiras funcionais, que agora se colocaban en círculo, ou de tres en tres..., con alumnado que se comunicaba entre si, onde se promovía a escoita activa e o contacto visual, agora atoparemos aulas burbulla, con mesas individuais, separadas entre si un metro.

    As bibliotecas escolares galegas, un referente no resto das comunidades, agora estarán máis limitadas ca nunca. Ademais, dirannos onde colocar os pés, por onde ir e vir, prohibido tocarse e bicarse. Todos mirando á fronte e con tapabocas. En definitiva, toda as simboloxía covid é a auténtica protagonista deste regreso ás aulas.

    Tamén teremos o profesorado pendente de que se cumpran todas as normas e regras para evitar os tan temidos contaxios. A administración prometeu orzamentos e o persoal necesario pero... ulo? Iniciamos setembro con grandes cambios na Consellería. Cesan as figuras máis importantes de Educación, conselleira incluída, e nomean outras a poucos días do inicio de curso.

    En agosto, as mesas debían estar separadas un metro, en setembro, metro e medio, agora... un metro con mamparas e... quen as paga?; se se duplican aulas, a Administración asume o custo dos desdobramentos?; chegará o persoal das listaxes de Educación para os servizos de apoio e substitucións?; vanse reforzar comedores, transporte?; cando chegan os EPIS?; varios directores de institutos rebélanse polas incertezas e inseguridades. A Xunta vese obrigada a atrasar o inicio de curso unha semana para o alumnado de ESO e Bacharelato. Convocadas folgas en sinal de protesta...

    Ao final, quedamos coa sensación de que vai ser un curso moi difícil que queda en mans do covid, do profesorado e do equipo directivo. Pero tamén teño a certeza de que o profesorado non nos defraudará. Un profesorado que, ademais, de formar os nosos fillos en contidos, tamén cumpre outro labor, a miúdo invisible e impagable. Un labor que se fixo máis patente e necesario que nunca durante o confinamento: o acompañamento emocional do alumnado. Os docentes, non o esquezamos, son os únicos e auténticos heroes do noso sistema educativo.

    16 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.