Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Crimes do franquismo

    O franquismo é dende a súa aparición, o 17 de xullo de 1936, un réxime criminal. Xa no 1934 Franco demostrou quen era na Revolución de Asturias. Franco ergueuse contra a II República española e contra o lexítimo goberno da Fronte Popular asasinando sen contemplacións a todos os que non compartían os seus posicionamentos, perseguiu os partidos políticos da Fronte e inventou aquilo de que o comunismo e o xudaísmo eran a propia encarnación do mal no mundo.

    Para poder ensaiar como ía ser a guerra que os franquistas estaban preparando contra a República, aliáronse con grupos internacionais da calaña dos nacional socialistas de Hitler e dos fascistas de Musolini.

    Con estes apoios iniciaron unha guerra que durou tres anos (1936-1939) e que lle costou ao pobo millóns de mortes, exiliados e feridos.

    Cando despois de catro décadas de gobernos franquistas chegou a democracia formal ao estado español, aplicouse unha lei de amnistía que ao mesmo tempo que afectaba aos contrarios a Franco tamén afectaba aos crimes cometidos polos de Franco.

    Como se a loita pola Democracia dos contrarios ao ditador poidese equipararse cos crimes cometidos dende o estado ditatorial que encabezou Francisco Franco.

    Agora está a falarse moito de se os crimes cometidos polo franquismo deberían seguir sendo inmunes ou non. A dereita, sempre que se fala deste tema, sae dicindo que o actual goberno español non é quen de resolver os problemas surxidos na sociedade actual e que busca refuxiarse no pasado para xustificarse diante do electorado español de esquerdas.

    Todos temos oído iso de que un pobo que non aprende dos seus erros está condenado a repetilos.

    No estado español hai pouco tempo que un partido político de extrema dereita (VOX) é a terceira forza política na Carreira de San Xerome.

    Cheira a facha por todo o Estado e a dereita que se pretende democrática e de centro (PP) non dubida en aliarse en gobernos municipais e autonómicos con estes de VOX que lles chaman “La derechita cobarde”.

    Penso que é este un bo momento para xulgar e sentenciar todos os crimes producidos polos franquistas e que aínda seguen impunes. Que non pase como con Billy el Niño que morreu sen pagar os seus crimes.

    Debémosllo a todas as vítimas demócratas da ditadura.

    28 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito