Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dante (1265-1321)

    CÚMPRENSE este ano 700 da morte de Dante Alighieri, a voz máis alta da cultura occidental de todos os tempos e en todas as latitudes.

    Dende hai moito tempo véñome dedicando ao estudo da monumental obra do Alighieri, e quen me coñece ben sabe da miña paixón polo autor florentino. Quero, xa que logo, dedicarlle especialmente todas as columnas do ano. Con toda seguridade serán as feitas con maior agarimo precisamente pola admiración que, por varios motivos, sinto polo escritor.

    A obra de Dante foi tan grande e tan importante que nos produce verdadeira fascinación e, aínda hoxe, a súa personalidade, exerce sobre nós unha enorme atracción.

    Bastaría unha das súas obras menores para que o autor florentino fose incluído no elenco dos mellores autores medievais, pero tendo escrito a Divina Comedia, a súa obra mestra, especie de enciclopedia do saber medieval, dámonos conta da súa sólida formación: a súa foi unha cultura na que están presentes todos os aspectos do saber humano: xurídicos, filosóficos, teolóxicos, políticos, etc., por non falar da cultura clásica.

    Admiramos moitas cousas do escritor –fundamentalmente a súa poesía–, pero non só porque Dante é un mito que comeza a delinearse desde o día do seu nacemento ata o mesmo día da súa morte; medra constantemente e o seu eco prolóngase ata os nosos días.

    Dante dedicouse de cheo á política de Florencia –foi membro do partido güelfo–, que xunto co dos xibelinos, foron os dous máis importantes. Foi expulsado e para sempre da súa querida Florencia, para el unha verdadeira condena que durou ata a súa morte, vivindo unicamente gracias aos seus mecenas, primeiro, Cangrande della Scala, en Verona, e logo Guido Novello da Polenta, en Rábena.

    Ambos axiña se decataron da súa valía, protexérono e permitíronlle escribir a maior parte da súa obra, incluíndo a Divina Comedia, para nós unha verdadeira fortuna. O mesmo poderiamos dicir do seu amor pola poesía. Sempre se considerou un poeta e como tal quería ser recoñecido, cousa que sucedeu porque non por nada a Divina Comedia, definida como a summa poética da Idade Media, converteuno no máis universal dos poetas, estendendo a súa fama polo mundo enteiro.

    Aínda que foi un autodidacta, aprendeu a arte de escribir dun dos grandes mestres da retórica, Bruneto Latini, e fíxoo non só coa eficacia suficiente para convencer, persuadir e conmover, senón tamén para deleitar. A Virxilio “de li altri poeti onore e lume” (Inferno, I, v.82) considérao “lo mio maestro e ‘l mio autore” (v. 85) e do que di que gracias ao constante amor e atención que prestou a súa poesía, aprendeu “lo bello stilo, che m’ha fatto onore” (v. 87). Tanto admirou a obra (“lo tuo volume”) do gran poeta latino, que elixiuno como guía na viaxe ultra terrestre.

    Agora temos que rematar, pero haberá outras oportunidades de salientar, entre tantas e tantas cousas, o seu papel e influencia na literatura universal.

    25 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.