Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dante, e o exilio

    PARA falar da carreira política de Dante, e particularmente do exilio –unha cuestión fundamental na súa vida e na súa obra, e definitiva para escribir, por exemplo, a Divina Comedia–, téñense escrito moitos libros; nunha columna, xa que logo, teremos que facelo moi brevemente, empezando, por exemplo, polo bando que o levou ao desterro. No ano 1300, o poeta foi acusado de corrupción, “baratteria”, cousa que non sucedeu con outros moitos contemporáneos das mesmas ideas políticas.

    No ano 1301 o rei Carlo di Valois, foi chamado polos “Neri”, a outra facción güelfa, para facer fronte aos xibelinos. Dixéronlle que gobernaban Florencia, cousa que non era certa, porque como francés non coñecía ben a política italiana.

    Despois da expulsión definitiva dos xibelinos, sería normal que seguise un período de paz, pero non foi así, primeiro a rivalidade persoal e despois a familiar, estendéronse por toda a cidade; finalmente, o rei fixo arrestar os ‘Bianchi’, situación que aproveitaron os ‘Neri’ para saquear a cidade ao seu pracer, e así o fixeron tamén coas propiedades de Dante, totalmente devastadas. O cronista G. Villani conta esta situación: os vencedores “cominciarono a rubare i fondachi e botteghe, e le case a chi era di parte bianca”.

    Pero aínda houbo máis: como padróns da cidade, comezaron a lanzar acusacións falsas e a instruír procesos políticos contra os adversarios, obrigándolles a confesar o que non tiñan feito. Cando non o facían, eran condenados sen ningunha piedade. Era o principio do ano 1302; entre os condenados ao desterro, estaba Dante.

    Está perfectamente documentado o proceso político e as acusacións coas que Dante foi condenado ao exilio: foi acusado de corrupción e de desfalco, cousa, que Dante, loxicamente, condenou duramente e varias veces no Inferno: no canto XV, seu mestre de retórica, Brunetto Latini, chama os florentinos ingratos “popolo maligno” (v.61); “gente avara, invidiosa e superbia (v. 68), as tres causas da discordia entre concidadáns. Dante non dubida en condenar dunha maneira terrible o comportamento dos habitantes da Toscana, como sórdida guarida de bestas, particularmente, como é natural, dos florentinos, aos que chama porcos, “brutti porci, più degni di galle/ che d’altro cibo fatto in uman uso” (vv. 43-44) é dicir, máis dignos de ser alimentados de landras que doutras comidas propias dos homes; cans que se fan lobos “can farsi lupi” (v. 50), e raposos cheos de enganos e estafas “volpi sì piene di froda” (v. 53).

    O proceso foi tan cruel, tan inxusto e tan arbitrario, que só os que pagaban unha certa cantidade de floríns, con que estiveran dous anos fóra da Toscana, xa podían regresar a Florencia. Dante negouse a pagar, e no ano 1302, foi condenado definitivamente non só ao desterro senón tamén a morte. Algúns foron perdoados, pero Dante, que estaba moi comprometido coa política, non o foi. Dese xeito acabou moi mal a súa carreira política e endexamais puido regresar a súa querida Florencia.

    05 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.