Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dante, un home do seu tempo

    DE Dante, pola súa fama, coñecemos máis cousas que de ningún outro dos seus contemporáneos, o que non quere dicir en absoluto que o saibamos todo, pero si que temos suficientes testemuñas para coñecer o ámbito cultural no que se moveu, a sociedade na que viviu, e dese xeito comprobar que era un home inmerso na súa época. E que mellor que ler a súa inxente obra para coñecer de primeira man o seu pensamento? Lendo, xa que logo, a Divina Comedia, da que nos ocuparemos máis detidamente, vexamos dous dos aspectos medievais moi indicativos.

    Na Idade Media, tomar vinganza era non só necesario senón tamén legal. Dante, no canto XXIX do Inferno, o dos falsos, atopa un primo do pai, Geri del Bello, e como parente, o poeta, sente vergoña do seu comportamento, pero suliña con moita intensidade que a súa morte violenta aínda non fora vingada: “la violenta morte / che non li è vendicata ancor...” (vv. 30-31). Dante acepta as regras do seu tempo, e xustifícaa porque considera que o mundo é así.

    A familia na Idade Media era importantísima; para Dante tamén o é, como demostra o seu diálogo no canto X do Inferno con Farinata degli Uberti, dunha familia nobre de Florencia, pero xibelino, e xa que logo, do partido contrario ao do poeta, que era güelfo. Como o que interesa é unicamente saber de que familia é, Farinata o primeiro que lle pregunta é : “Chi fuor li maggior tui?” é dicir, cal é a súa familia, e cales foron os seus antepasados.

    Se con Farinata párase pouco, logo no canto XV do Paraíso, Dante dedica moitos versos aos seus devanceiros; síntese orgulloso da súa familia, descendente de Cacciaguida, o seu tataravó.

    Falando da familia, Dante reivindica os valores da sociedade medieval na que era necesario ter moitos fillos, precisamente para continuar a descendencia. Sabemos que o poeta tivo, polo menos, tres fillos e dúas fillas, aos que lles puxo o nome de Govanni, Jacopo e Pietro; Antonia e Beatriz. Nesta época non había outro remedio que colocalos dentro da Igrexa, xerarquía que con algunha recomendación concedía postos de traballo, a única maneira de conseguir beneficios para vivir con certa desenvoltura e, no caso de Dante, aínda máis, porque non tiña terras (fóronlle confiscadas cando foi desterrado).

    Os fillos de Dante recibiron beneficios eclesiásticos primeiro en Verona e logo en Rávena. Fixo o mesmo coas súas fillas: sabemos que Antonia era monxa nun convento de Florencia, para que puidera vivir tranquila e sen preocupacións, consciente de que nese momento unha rapaza sola, non podía facer nada.

    En conclusión, Dante foi un fillo do seu tempo, unha testemuña do medioevo, que pensaba e sentía como os seus concidadáns, pero cunha diferencia: a súa fama superou os límites medievais e a súa obra despois de 700 anos segue a ser fundamental na cultura do presente e sen ningunha dúbida do futuro.

    20 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito