Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dará a UE máis pulo á confrontación entre potencias?

    Teño manifestado durante os últimos meses, comentando as eleccións de Estados Unidos, que Biden non era o cambio que se necesitaba, que só implicaba o mal menor, tendo en consideración as medidas tomadas por anteriores Governos demócratas, e que el foi o vicepresidente no período de Obama. E, malia que pasou pouco tempo dende a súa investidura como Presidente, as distintas iniciativas que está a tomar parecen amosar que a súa lexislatura non será moi distinta da de Trump en aspectos transcendentais.

    Non se pode negar que a actitude de Biden, cando menos na mensaxe, será distinta respecto da cuestión de xénero, da diversidade sexual, do racismo e do feito migratorio e da ecoloxía. Aínda que nestes últimos temas habería que distinguir, entre a postura en relación cos indocumentados que viven nos Estados Unidos con aqueles que intenten entrar no futuro ilegalmente. Tampouco se pode dar por totalmente decidida unha liña no ecolóxico, para alén de que volte ao Acordo de Paris. É cedo para saber até onde chegará neste aspecto, dado os moitos intereses en xogo, e logo do acontecido en Texas co subministro de enerxía.

    Mais, no referente á confrontación coas potencias emerxentes e países que buscan manter políticas soberanas é onde todo indica que os cambios de orientación van ser menores con Biden. Así o acaba de confirmar tanto a conferencia de lideres do G7 (Alemaña, Canadá, USA, Francia, Italia, Xapón e Reino Unido) como na Conferencia de Seguridade de Munich. Especialmente neste última, na súa intervención, o único matiz de Joe Biden respecto de Trump é que apostou pola OTAN. Porén respecto de aceptar un mundo multipolar, segue a poñer o acento na confrontación cando define a Rusia como un estado autoritario e agresivo, e a China como un país que dana á competencia.

    Polo tanto, Biden reduce o seu anuncio de multilateralismo ás súas relacións cos socios do G7, e condiciona un estreitamento de lazos a que os países que a integran manteñan a súa lealdade con Washington en relación cos seus intereses estratéxicos. Ou sexa, o “demócrata” pretende vincular a estes estados para que apoien a Estados Unidos no que define como un “punto de inflexión” nos conflitos abertos con Rusia (Siria, Ucraína, Bielorrusia, etc), e para unha longa e dura competencia estratéxica con Pequín. Aínda que verbalmente desbota a volta a un mundo dividido en bloques na práctica está dando pasos decisivos para que isto aconteza. Outra cuestión é que o logre.

    Aínda que tanto Alemaña como Francia destacaron a necesidade de ter unha posición común con Estados Unidos, expresaron matices, para manter algún perfil propio que non os diluía como socio preferente. Polo que, Macron reflexionou que Europa tería que manter unha autonomía estratéxica, e Merkel que había que ofrecer cooperación a Rusia. Son declaracións que ademais buscan non romper totalmente as relacións con Moscova e Pequín, tanto porque Rusia é unha gran potencia nuclear e o Nord-Stream2 implica gas barato para Alemaña, como polo feito de que China acaba de suplantar a Estados Unidos como o maior socio comercial da Unión (e cunha economía crecendo).

    Porén, a pretensión da UE de quedar ben con Washington, para formar parte como socio prioritario do imperialismo hexemónico, e participar da cota correspondente da depredación, esixe ao mesmo tempo impoñer sancións a Rusia. Aínda que as medidas a tomar sexan menores das pedidas polos estados rusofobicos da UE e das que quere Washington, e ademais frear o desenvolvemento da ruta da seda china e non favorecer a expansión da tecnoloxía de punta desta potencia. Decisións de Bruxelas que poden non obter os resultados esperados, xa que tanto Moscova como Pequín semellan estar cansas das inxerencias externas e das sancións, así como do cerco militar. E como resultado, por unha banda, agravar os conflitos armados e a tensión en todos os ámbitos, económico, mediático, financeiro, etc. e pola outra que estas potencias dean prioridade a outros socios comerciais e ao mercado interno.

    A folla de ruta pola que parece apostar Bruxelas, apoiando a inxerencia, as sancións e o militarismo de Washington, non permite construír un mundo multipolar no ámbito internacional, e sobre todo non axuda a unha rápida saída da crise provocada pola pandemia, xa que engade novos atrancos. De avanzar por esta vía a UE iría perdendo peso na economía e no escenario internacional, o que agudizaría as contradicións internas, tanto entre as nacións que a integran como as de clase. Que actitude tome neste intre Bruxelas respecto da confrontación entre potencias semella transcendental. A Unión Europea debería apostar polo respecto á soberanía das nacións, por fortalecer organismos internacionais participativos, por garantir a xustiza social, a ecoloxía, a igualdade, o desarme e desnucleraización,... Ou sexa, por unha democracia real e un mundo con futuro, e iso implica desenvolver un papel autonómo no escenario internacional.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    25 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito