Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

De cándidos inmortais están poboados cementerios e saturados hospitais

    TODOS concordamos que este é un verán diferente, e non só porque sexa demasiado quente. A pandemia provocada pola covid-19 continúa a causar estragos, pero parece que como xa nos fomos habituando a que a prensa informe de novos contaxios e falecementos, ter precaución non parece importante.

    Sorprende ver como aínda hai persoas que se queixan porque se controla a circulación entre países, entre comunidades autónomas, porque hai que usar mascarillas... Ouvíndoas falar parece que a culpa non a ten un coronavirus, senón os gobernos que queren fastidiar e controlar. Que falla de senso común!

    É difícil renunciar á liberdade que se tiña antes do 15 de marzo, pero a situación esixe precaución e prudencia. E, evidentemente, quen máis tende a incumplila son persoas que para reafirmarse necesitan reunirse, e non para falar, senón para comer e beber. Facelo con mascarilla é difícil! Esa xente pensa que é inmortal, mas, como cantaba Alberto Cortez, «parece broma, pero vai en serio, de cándidos inmortales están poboados os cementerios e saturados os hospitais».

    O problema agrávase porque, neste caso, non son unicamente «eses inmortais» os que se ven afectados, senón que van espallando o problema por todo lado e causan dano a outros que intentan ser responsables e que non queren sufrir esta «peste» do século XXI, porque son conscientes de que o pior non é sufrir a enfermidade, o pior é que non se coñecen as consecuencias despois de a ter sufrido e superado. Xa se está a falar, nunha elevada porcentaxe dos supervivintes, de secuelas no sistema nervoso central (neurolóxicas).

    Agora non se ven, pero poden ser graves. O cerebro controla todas as funcións básicas como o latexar do corazón e a respiración, pero tamén complexas como a capacidade de resolver problemas, conversar, conducir... O Alzheimer, o Parkinson, certas xaquecas, os AVC, a epilepsia... son enfermidades neurolóxicas. Que pode pasar a unha persoa que superou o covid?

    É dunha inconsciencia total dicir que sobreviver ao coronavirus ou pasalo asintomático é bon porque así adquírese inmunidade. Inmunidade a que ou para que? A persoa que foi infectada xa non volverá a sufrir a doenza? Non, os microorganismos mutan con moita facilidade e outra cepa pode voltar a causar problemas, non temos gripe varias veces na vida? O futuro non existe e o mellor é disfrutar o presente con coherencia e con saúde.

    Que unha persoa decida arriscarse pode ser asunto seu, mas como pode causar problemas a outros, non é así. É necesario ter a cabeciña no seu sitio e ser solidario cos demais, senón perderase a liberdade que nos queda e provocarán que os gobernantes promulguen leis cada vez máis ríxidas para protexer aos máis débiles, e que apliquen a antiga lei «de a letra con sangue entra» impoñendo sancións cada vez maiores, veranse obrigados a pechar os establecimentos, que o sistema económico non funcionará e superar esta crise na que estamos, e estaremos aínda máis, inmersos será moi complicado e longo no tempo.

    08 ago 2020 / 00:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.