Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

De saúdos e moteiros

    SENDO unha mociña, lin Viaxes de Xúpiter, onde o británico Ted Simon conta a súa ruta ao redor do mundo nunha Triumph Tiger 500, e decidín facerme moteira pero... o medo á velocidade era moito. Tiven que verme ao volante do meu chusquiño Citroën AX facendo peóns no Porto, e bater cun mozo moteiro para descubrir que, en realidade, o que me paralizaba non era o medo ao exceso de velocidade senón o contrario, a ansia por pisar a fondo o acelerador.

    É tal a atracción, que a 120 km/h pensas que o contaquilómetros vai mal! Resumindo, que devezo por viaxar en moto. Adoro a sensación de liberdade que produce pasear o mundo a fume de carozo, devorar a estrada, deitarse nas curvas, á dereita, á esquerda, liña recta... e sentir a unión dos moteiros/as simbolizada no saúdo en forma de V, como facían os mensaxeiros moteiros británicos da Segunda Guerra Mundial para se infundiren valor.

    E así, nunha destas, descubrinme debullando as regras básicas de educación e en como mudaron. Acaso, os consellos da infancia perderon valor?: “Cando entres nun sitio, saúda; se alguén está comendo di “que aproveite”... Agora, entras nun lugar onde hai xente descoñecida sentada ou agardando nunha cola, como nun banco, no médico... e ao dicir “bos días”, sempre hai quen mira con cara rara; accedes ao posto de traballo coa cabeza alta, con faciana seria e mirando sen ver a ninguén. E, mellor, non atopar cos veciños porque levas présa. Os que din “que aproveite” xa parecen chegados doutro planeta. E os que lles deixan o sitio no bus a unha persoa maior ou a unha embarazada... son máis raros ca un can verde.

    Fronte a esta realidade, onde evitamos estes usos baseados no respecto polo outro, preocúpanos mellorar o noso nivel de comunicación, saber como romper o xeo, captar a atención, ser empáticos, recoñecer as emocións... e acabamos reaprendendo aquilo que nos esforzamos en esquecer, por seren normas antigas, inútiles ou, simplemente, porque o estrés nos supera. Saudar acompañando o saúdo dun sorriso é unha necesidade social que nos aproxima ao outro; escoitar de forma activa, mirar aos ollos ao receptor/a...

    Claro, acabamos topando paradoxos como os especialistas que non saúdan a ninguén, por exemplo, ás portas dun espazo ateigado de posibles votantes, ata que fan a súa entrada estelar. Aí, coa lección ben deprendida, saúdan a dereita e a esquerda e reparten sorrisos a eito. Entre saúdos moteiros, empoleirada na máquina que ía engulipando a estrada, cismaba eu nisto e no ben que senta unha voltiña en moto.

    04 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito