Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Deberes escolares: si, pero...

    OS deberes noutras épocas non tiñan máis nomes. Eran iso, os deberes, obrigas escolares dos rapaces, beneficiosas para a súa aprendizaxe. Agora, nestes tempos novos son tarefas para a casa, tarefas extraescolares ou como cadaquén queira chamarlles. En youtube hai moitos vídeos sobres este tema. Un deles, Deberes escolares _MITCA, tanto na súa versión en galego como en castelán, fai aclaracións importantes sobre prescrición destas tarefas.

    Ao parecer dos expertos, son un recurso educativo, son convenientes,
    pero... Pero a súa andaina debe axudarlle ao alumnado a mellorar a xestión do tempo, deben ser sensibles á diversidade, servir para o seu progre-so académico e para a necesaria autoavaliación e corrección.

    Un grupo de investigación en Psicoloxía Educativa da UDC, dirixido polo catedrático Antonio Valle Arias, e do que tamén forman parte Susana Rodríguez e Isabel Piñeiro, creou un Método de Implementación das Tarefas para a Casa (MITCA) e aconsella que sexan diversas, concretas, valiosas e semanais. Semanais ou diarias terán
    que ser coa nova normalidade educa-
    tiva, que –por certo– se é nova non é
    a normalidade.

    Estes psicólogos, profesores e mestres de mestres saben e explican a importancia do traballo na escola e na súa contorna, atendendo a aquelas tarefas diversas e de repaso do aprendido, ensinando a desfrutar do valor do saber, e das rutinas e da planificación periódica do tempo.

    Un tempo que comeza a ser diferente, que vén marcado polos aires novos, polas novas correntes de opinión, polas brisas dos mares de lonxe e polas néboas matinais nas que se enterran e se enzoufa o saber dos que saben e o poder dos aspirantes a mandar sen saber.

    O ensino está en transformación permanente e os ensinantes sofren cando se ralentizan ou se minoran os valores, cando se perde o norte, cando a sociedade queda queda e calada, cando se agranda ese mal que demora o desenvolvemento e fornece a ignorancia, que, segundo dicía a Tía Manuela, “é peor que calquera pandemia, por mala e mortal que sexa”.

    Os novos procesos de formación parecen condenados á distancia, á telemática, ao silencio e ao individualismo, lonxe dos procesos de cooperación e interacción que noutrora tanto se apreciaban e valoraban. Que Deus nos colla confesados!

    18 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito