Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Defendendo o interese público

    CANDO o 12 de febreiro deste ano a Audiencia Provincial da Coruña confirmaba a declaración do Pazo de Meirás como un ben pertencente
    lexitimamente ao patrimonio público, condenando aos Franco a desaloxalo e a poñelo á disposición do Estado, estabamos a dar un paso relevante na historia democrática do noso país, a pesares de que a sentenza abría a porta a indemnizar á familia do ditador polos gastos do mantemento do inmoble.

    A Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, foi a primeira institución que presentou un recurso contra a sentenza por considerar inasumible para un Estado democrático ter que indemnizar a unha familia particular que se beneficiou durante moitísimos anos do uso dunha propiedade pública.

    A alcaldesa da Coruña, a tamén socialista Inés Rey, sumábase de forma inmediata á posición da Deputación, manifestando o firme compromiso do Concello de recorrer a sentenza por considerar que resulta moi complicado asimilar que a posesión por parte da familia fose de boa fe, e máis difícil aínda aceptar a obriga de indemnizar a quen non era o lexítimo dono do pazo.

    Feijóo, que, neste tema, como en moitos outros, leva anos navegando entre a pasividade e as contradicións, alegaba en 2017 que os galegos non estabamos polo labor de pagar dúas veces o pazo porque xa o pagamos en 1938, cando o doamos á familia; e que expropiar á familia do ditador un ben pagado con diñeiro público sería “aplicar un mecanismo franquista”. Chegou a dicir que dar voltas á ditadura franquista non formaba parte das prioridades do PP nin da maioría da cidadanía.

    Está claro que semella que as súas prioridades mudaron de súpeto ao decatarse de que a Xunta sería a única institución, tras a confirmación do recurso por parte do Estado, que non ía recorrer a obriga de indemnizar á familia. Parece evidente que o PP e o presidente da Xunta non se atopan cómodos no fondo deste tema e preferirían seguir aplicando unha política de retoques, pedindo, por exemplo, empregar o pazo para facer unha foto dunha entrega de premios en lugar de comparecer na defensa do interese cidadán.

    Son perfectamente consciente de que a principal preocupación da maior parte da cidadanía non é a recuperación do Pazo de Meirás, pero os galegos precisamos dirixentes políticos con altura de miras e coa valentía suficiente para poñer a defensa do interese común por riba dos intereses da familia do ditador. Recorrer a sentenza do Pazo de Meirás, para non ter que indemnizar aos Franco, é defender por riba de todo a recuperación da dignidade dun pobo, conseguindo poñer fin á longa tradición de nepotismo alentada polo franquismo, ademais de contribuír a saldar parte da débeda histórica que como país temos, aínda, coas vítimas da ditadura. Na Coruña, non pararemos aí, porque Inés Rey estará á fronte da defensa dos lexítimos intereses da cidade como está a demostrar coa loita pola devolución da Casa Cornide.

    17 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito