Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Deixar atrás a subordinación

    Seica a Xunta de Galiza pretende que o Xacobeo do vindeiro ano sirva para recuperar a actividade económica, é dicir, que sexa unha das locomotoras contra a crise causada pola pandemia do covid-19. Calquera planificación choca co feito de que non está claro que a esa altura exista unha vacina, e tampouco que o virus estea totalmente controlado, co que isto implica especialmente respecto do turismo. E, mesmo que estivese reducido o perigo, e que se volvese a unha certa normalidade, resulta difícil de crer que o turismo exterior volva a recuperar as dimensións anteriores á pandemia, cando menos en tan pouco tempo.

    A inmensa cantidade de persoas contaxiadas, a morea de mortes, e o masivo e longo confinamento, fai prever que os efectos do coroavirus modificará comportamentos sociais, aínda que non saibamos se os cambios serán temporais ou permanentes, o que seguramente dependerá se nos vindeiros meses hai “rebrotes” e da existencia dunha vacina. Tamén afectarán ao turismo os condicionantes á mobilidade do transporte de viaxeiros (buses, trens, avións, cruceiros) que hoxe son vistos como espazos carentes de seguridade. Polo que todo reflicte terán que reducir o número de asentos (e tamén o tamaño no caso dos cruceiros?), co que isto implica no aumento das tarifas. Outro tanto acontecerá cos servizos de hostalería, visitas a lugares turísticos, etc. Unamos crise sanitaria e aumento de prezos, e temos marcada a tendencia do futuro, a menos que se opte por outorgar grandes subvencións públicas e rebaixar os salarios á miseria, ou sexa, repetir as políticas aplicadas contra a crise de 2008.

    Todo indica que o turismo de masas será un dos sectores máis afectados pola pandemia. Volverá algunha vez a adquirir a dimensión de antes do covid-19? Supoño que non. Ademais teño miñas dúbidas de que sexa aconsellábel. Moitas cidades históricas estábanse a converter en centros temáticos, co que isto implica respecto daquelas persoas que viven nelas, e o emprego creado destacaba pola temporalidade e baixos salarios. Agora ben, para alén da nosa postura diante deste tema, neste contexto e tendo en conta os escenarios futuros, o lóxico sería apostar por actividades menos dependentes do exterior. Por iso todo amosa que, mesmo dende a UE, vanse re-valorizar os ciclos económicos curtos e diversificados, como prevención a que se poda repetir a ruptura da cadea de valor por futuros confinamentos ou crises doutro tipo (sanitarias, ecolóxicas, conflitos bélicos, confrontación entre potencias...) máxime nun mundo con tantas fraxilidades.

    En realidade a hostalaría está sustentada na dinámica económica interna, agás determinados territorios e cidades, malia a súa expansión nas últimas décadas, e que o discurso dominante sobre valore o turismo exterior (como compoñente destacado da globalización neoliberal). Evidentemente este ten un gran peso na costa mediterránea, nas Canarias e Baleares, e ademais é esencial para equilibrar a balanza externa. Porén, no caso concreto da Galiza, mesmo nos meses de vran, a hostalería só ocupa o 8% de todo o emprego, e deles un 10% traballa en hoteis, campamentos, apartamentos e outros aloxamentos turísticos. Tampouco se pode obviar que 1/3 das persoas que se aloxan nestes establecementos residen na Galiza, e que o diferencial entre os meses turísticos e os que non o son só incide no 10-12% do emprego no sector.

    Polo tanto, homologar o futuro da hostalería co turismo non é correcto, tendo en consideración o papel relevante que ten o consumo interno, e moito máis se pretendemos que este faga de locomotora da economía galega, aínda que sexa un factor a ter en consideración. Agora ben, nesta conxuntura: non será o momento para atraer un turismo máis selectivo e que aporte maior valor engadido? E sobre todo: a pandemia coloca en primeiro plano un debate do que non se pode seguir fuxindo, respecto da importancia de apostar pola diversificación e completar os ciclos produtivos. Para elo cómpre potenciar o sector primario e de transformación, e a investigación para mellorar a calidade e contar con redes comerciais áxiles e eficientes.

    A pandemia, a crise económica, revalorizou o público e o próximo porque ofrece protección fronte á fraxilidade da globalización neoliberal. Trátase de aproveitar esta oportunidade, pola quebra dos valores que sustentan o modelo, para planificar dende a centralidade na Galiza a construción dun segundo circulo que abranga ao norte de Portugal, así como Asturias e as áreas limítrofes de Castela León, para desenvolver unha cadea de valor común na oferta e no consumo, dende a virtude que implica duplicar a capacidade. Máxime cando hai tanto en común, dende a cultura até a historia, e complementar no económico. O futuro nunca está en repetir o pasado como en ter iniciativa e un proxecto propio para superar atrancos e eivas. Voltar á “normalidade” implica, no caso galego, apuntarse á tendencia regresiva do PIB, da povoación, da precariedade, recreado o carácter subalterno da nación galega. Temos que apostar polo cambio, por un proxecto propio, aproveitando as nosas potencialidades, que son moitas e diversas.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    20 may 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.