Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dereitas

    Se tivese que facer unha distinción básica, fundamental, entre dereitas e esquerdas sinalaría que mentres para as primeiras a ideoloxía é decoración, para as segundas é un obxecto tan importante que normalmente as leva a non decatarse do mato pola teima de definir á arbore. As dereitas, cómpre recoñecelo, son máis prácticas á hora de actuar na defensa dos intereses dos privilexiados, camuflados moitas veces pola retórica da modernización económica. E isto vale para esa dereita madrileña vinculada ao Ibex35 ou a esoutra catalá que coa máscara independentista agora xoga ás revolucións.

    Pero dito isto, consideremos que na súa xénese as dereitas defenderon o liberalismo como maneira para que calquera –é un dicir- puidese acadar un certo ou un moito nivel de riqueza. Regra que non rexe para os privilexios obtidos desde o berce, que se conservan moitas veces –incluso exentos de impostos- e que cando non chega o miolo, a vulneración de certos dereitos laborais ou fiscais axuda a acadar o obxectivo perseguido. Abonde coa frase de Xesús no evanxeo de Mateo (19,23-30) que sostiña que antes entraría un camelo polo ollo dunha agulla que un rico no reino dos ceos.

    Curiosamente, son os ricos os que máis apelan á doutrina de Xesús, que incumpren con idéntico afán. De igual maneira, soen apelar as ideoloxías conservadoras, circunstancia que me parece do todo lóxica, cousa ben distinta deses pobres ou membros das clases medias aspiracionais que votan dereita por tentar emular aos de clases sociais máis poderosas.

    Pero sendo como son persoa de esquerdas, sempre atopei en falla a ausencia de ideoloxía –dunha ideoloxía sólida- por parte da dereita española, pouco seguidora das doutrinas de Jaume Balmes, por exemplo. Son poucos os xornalistas, profesores ou empresarios capaces, desde a reflexión, de formular un corpus ideolóxico coherente e propositivo de solucións colectivas. As dereitas, as máis das veces, dan cobertura aos movementos que se producen en lugares privilexiados, como podería ser o palco do Bernabeu.

    Unha ausencia de ideoloxía –e, por contra, presenza de prexuízos e de pasado- que vimos con evidencia na recente convención do Partido Popular. Agás de honrosas excepcións –entre elas, o polaco Donald Tusk ou, malia que a moitos pese, Núñez Feijoo-, os máis dos participantes non deixaban de formar parte dunha especie de cemiterio de elefantes.

    U-lo rearme ideolóxico con persoeiros que, dun xeito ou doutro, están no cubo de vasoira da Historia? Por mentir á cidadanía ou por ser partícipe dunha condena por corrupción que afectou ao conxunto do partido. Ou por condena por financiación ilegal dunha campaña electoral ou o caso dun escritor ilustre que –a banda de agochar supostamente dereitos de autor nun paraíso fiscal- se permite dar leccións de como votar, cando as súas opcións sempre foron perdedoras.

    Acaso por Europa adiante non hai dirixentes políticos que intentan rearmar o discurso conservador? Dirixentes que, naturalmente, teñan moi claras cales son as liñas vermellas que non se poden traspasar verbo dos populismos de dereita extrema (como o caso da CDU). Ou profesores de universidades católicas –hai unha chea delas- que ofrezan alternativas aos novos retos da sociedade actual.

    Mal asunto cando un partido conservador –ao que se lle supón uns obxectivos para un país que exceden o tempo dunha simple lexislatura- se move a golpes de tacticismo para neutralizar ou absorber ese populismo que emerxeu á súa dereita. ¿Por que non tentar gañar o centro cando o partido socialista depende duns aliados para formar un goberno que a ollos desa dereita é radical? Un goberno que doutra banda está cargado de considerables doses de ideoloxismo e dun bonismo inxenuo que se sitúa ben lonxe da caridade franciscana.

    Agora. Se esa dereita prefire cooptar –do xeito que sexa- ao populismo de Vox, moitos non terán (teremos) máis opción que seguir a votar (con ou sen pinza no nariz) a prol de opcións que manteñan un espírito social e colectivo.

    Joaquim Ventura

    08 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito