Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Derrogar a impunidade

    QUÉDASE corta e chega tarde. A denominada Lei da Memoria Democrática é así porque non pode ser doutro xeito. Pouco ten que ver cos países que pasaron por experiencias semellantes, como Francia, Alemaña ou Italia.

    Tres exemplos que aparecen nos xornais esta mesma semana: “En Alemaña suspenden a 29 policías por pertencer a grupos ultradereitistas”. “Policías de Justapol maniféstanse con Vox ante o Congreso”. “A Garda Civil homenaxea na Comandancia de Zaragoza a axentes e oficiais sublevados no 1936”.

    É un cuarto que aínda marca máis a diferencia: “Catro expresidentes do Goberno defenden a Martín Villa por delitos do franquismo”.

    Sen a derrogación da impunidade non pode existir xustiza nin reparación ás vítimas.

    O Reino de España asinou en abril de 1977 o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, pero en outubro dese mesmo ano promulgou a Lei de Amnistía, que non só absolvía aos franquistas dos seus crimes e ladroizos xa antes de ser xulgados, senón que impide indagar na vulneración dos dereitos humanos cometidos durante a ditadura e que, segundo o dereito internacional, non prescriben.

    Así que, para que esta lei fose verdadeiramente efectiva e democrática, tería que derrogarse a Lei de Amnistía e tamén reformar o Código Penal. Único xeito de que os crimes e outras falcatruadas non prescriban. É máis, para aplicar a nova lei, atoparémonos coa traba aos enxuizamentos polas normas e ideoloxías franquistas, que permitirán arquivar denuncias e absolver culpábeis. Aínda hai 260 leis franquistas vixentes!

    Porque o franquismo non só gañou a Guerra, tamén gañou a denominada Transición. Aínda está instalado nas institucións: na xudicatura, na política, no exército, na Policía e Garda Civil, nos sumidoiros do Estado, na Igrexa católica e na maioría dos medios de comunicación.

    Pero colonizou, sobre todo, as mentes da cidadanía, pois forma parte consubstancial do Réxime de 1978, por iso, os que defenden ese Réxime hoxe non poden aprobar unha verdadeira lei de Memoria Democrática pois equivale a cuestionar o mesmo Réxime vixente.

    19 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.