Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Derrogar e actualizar as normas laborais, esa é a saída xusta

    O presidente do Governo, Pedro Sánchez, dixo no foro 'Wake Up, Spain!' que cómpre unha "actualización da normativa laboral, para lograr un mercado de traballo que ten que ser máis dinámico, máis resistente, máis inclusivo e que aborde todos os problemas da dixitalización como estruturais que arrastramos desde hai décadas". Engaden os medios, contextualizando as declaracións, que non falou en ningún caso de derrogación da reforma laboral.

    A actualización laboral consistiría en regular o tele-traballo e os riders. Tamén se camiñaría cara unha redución do tipo de contratos?... Agora ben, se fose tal como seica esixe a UE, trataríase de incentivar o contrato fixo reducindo o custe da indemnización por despedimento, por ano traballado e no límite máximo, a fin de achegalo aos dun contrato temporal. Mais porque non facelo ao envés, que é máis xusto, máxime tendo en consideración a alta temporalidade. Por que non igualar a indemnización do contrato eventual coa do permanente, e que o primeiro sexa realmente por causas moi excepcionais. De levar adiante as medidas que propoñen dende Bruxelas liquidaríase unha das razóns principais para evitar o despido inxustificado, a económica, a outra é a solidariedade obreira. Polo momento estas ideas do Presidente, e comentarios anexos ás súas intervencións, semellan globos sonda coa intención de valorar o reaxer dos sindicatos e partidos á esquerda do PSOE. Tamén a resposta dentro do partido socialdemócrata?

    Se o Governo central aparca a derrogación das reforma laborais e das pensións, e as modificacións da Lei Mordaza seguen conxeladas no Parlamento, consolidaríanse as regras de xogo que colocan á patronal en situación de vantaxe nas relacións laborais. Daquela seguirá medrando a precarización e desigualdade, ou sexa a explotación. É verdade que hai empresas e sectores onde a fortaleza sindical permite conseguir avances mesmo con estas eivas de partida, porén por si soas non evitan que estas regras regresivas acaben tendo efecto en todo o mundo do traballo, tamén naquelas empresas con maior organización e centrais máis combativas, mesmo que teñan unha situación económica máis positiva. As consecuencias desta regresión nas regras de xogo son medíbeis: no ano 2012 os salarios na Galiza eran o 46,2% do PIB e os ingresos do capital o 43,9%; no ano 2018 os salarios atinxían o 43,9% do PIB e as rendas do capital o 46,1%.

    Lembremos que as reformas laborais do PSOE en 2011, e despois a do PP en 2012, facilitaron o despedimento, crearon contratos a proba abusivos dun ano, alentaron o traballo a tempo parcial non desexado e o número de horas extras polas que non se paga e cotiza... Aínda que a modificación de maior envergadura que se fixo foi a relacionada coa negociación colectiva, xa que se eliminou a ultra-actividade dos convenios, déuselle prioridade aos convenios de empresa sobre os de sector (e non o máis favorábel para o traballador como era até ese momento) e dotouse aos empresarios de máis mecanismos de axuste e modificación das condicións de traballo, e para a regulación temporal e o despido colectivo.

    En resumo. A derrogación das reformas laborais, das pensións e da Lei Mordaza, así como do artigo 315.3 do CP é fundamental, e non é contraditorio coa regulación de novas formas de traballo, e un maior control das horas estras non cotizadas, dos falsos autónomos/as, etc. É verdade que a extensión dos ERTEs e a aprobación do IMV foron medidas positivas no ámbito laboral, aínda que a sua aplicación non esta exenta de eivas, mais non aumentar este ano o SMI, aínda que o crecemento fose mínimo, semella unha sinal dirixida á CEOE e á Comisión Europea, de que o Estado español non se apartará das directrices da UE que apostan pola flexibilidade laboral e a contención no gasto social, agás cun carácter transitorio durante unha situación excepcional como é a pandemia.

    A vacinación masiva, a volta á “normalidade” económica, coas correccións que a UE planifica no modelo, dado os retos ecolóxicos, a dixitalización, e as confrontacións entre potencias, poden ser unha nova escusa para, por unha banda, regular os sectores que están a monte, e ao mesmo tempo, baixar o chanzo mínimo das condicións laborais seica “para activar a economía”. As moreas de conflitos que se están a dar por exemplo na Galiza, e o dobre discurso do Governo central, parecen confirmar esta tendencia regresiva. Polo tanto trátase de que esa ampla resposta se converta en grandes mobilizacións no período pos-pandemia, para que a saída sexa en beneficio das maiorías sociais.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    15 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito