Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 29 septiembre 2022
05:01
h

Deseucaliptización do monte galego?

No principio da segunda metade do século XX nas escas «propiedades» extensas de Galicia intentábase diferenciar a parte de arboredo e mato (monte e bosques) da agro-gandeira (terras de cultivo e prados) considerando as condicións xeomorfolóxicas e edafolóxicas do lugar. Os solos máis fondos eran de uso agrícola, os máis húmidos dedicábanse a prados e o resto aportaba estrume, leña e madeira á economía familiar.

Non se plantaban árbores aleatoriamente, nin había grandes extensións de monocultivos. Nas superficies máis chairas e con solos fondos plantábanse castiñeiros para froito e para madeira. Procurábanse zonas nas que resultase doado apañar as castañas e nas que se puidese anciñar a folla e os ourizos, que logo se deixaban podrecer, antes de cubrir con eles as hortas. «Engordaban o solo» e evitaban que naceran plantas arvenses, as coñecidas malas herbas.

Tamén nestes solos fondos se plantaban carballos, non para cortar, senón para «rolar», é dicir, quitar só as pólas, que proporcionaban a leña que se usaba para cociñar e quentarse. As follas servían de abono natural e favorecían o brote da herba que, durante a primavera, se usaba para pasto. E, na parte de monte sen aproveitamento forestal directo había xesteiras, uceiras e toxeiras, tamén necesarias para quentar os fornos do pan e para estrumar as cortes do gando.

Era así como funcionaba o monte; pero a partir da década dos 60, e especialmente dos 70, todo cambiou, e desenvolveuse cun ritmo desenfreado o aproveitamento só para pasta de papel. Era unha época na que, nalgúns países e nas cidades, a industrialización ofrecía traballo mellor pagado que na aldea, onde a agricultura era simple subsistencia.

Con diñeiro en metálico podíase ter mellor calidade de vida que no campo, onde as vivendas dificilmente reunían condicións hixiénico-sanitarias adecuadas para ter unha vida saudable. Non había dereito á seguridade social gratuíta e, as distancias, ao haber menos coches que agora, eran difíciles de superar para as persoas que vivían só a unhas decenas de quilómetros de vilas e cidades. Esas foron algunha das causas da emigración masiva do rural, galego e doutros puntos de España, e, en consecuencia, comezou a desertización desas poboacións, pero sobre todo, o desarraigo da agricultura e da terra.

Os emigrantes regresaban nas vacacións con algo de diñeiro, que conseguía mellorar a calidade das vivendas para desfrutar do tempo de lecer e para que os seus familiares aliviasen as condicións extremas nas que sobrevivían. Pensar en quedarse a traballar montes e leiras non entraba nos seus cálculos. Pensaban que os fillos terían máis posibilidades de contar cun futuro mellor se podían estudar, que se traballaban as terras de sol a sol sete días á semana.

Por outra banda, para agricultores e gandeiros as árbores non eran algo positivo. Tiñan verdadeira dendrofobia. Para uns, as árbores eran malas porque dan sombra aos cultivos, para outros, o monte era rozado para facer estrume na corte do gando ou se cababa cada 7 anos ou se queimaba de forma controlada para ter máis pasto. Ao seu entender, ás árbores non había que coidalas, medraban por si soas. Esa mentalidade foi pasando de pais a fillos e, por desgracia, así continúa.

Unhas cousas e outras contribuíron a que, cando os máis vellos xa non conseguían traballar, as leiras foran «quedando a campo», abandonadas. Nesa situación os propietarios foron convencidos para plantar árbores e así rendibilizalas mellor. «A priori» podía ser unha solución, se fora deseñada unha forestación adecuada e responsable. Non ocorreu así, por que?

Tres ou catro os factores marcaron a decisión sobre que especies arbóreas usar e sobre a eucaliptización de Galicia: 1) buscábase rendibilidade económica a curto prazo (especies de crecemento rápido), 2) desenvolvíanse concentracións parcelarias sen un plan de ordenamento e de aproveitamento futuro adecuados, 3) ampliouse o asentamento de ENCE en Pontevedra (empresa de celulosa) e 4) o «asesoramento» e actuación de técnicos agro-forestais, que orientaban aos agro-gandeiros e aos seus descendentes «urbanícolas», para implantar monocultivos de piñeiros e eucaliptos, coa promesa de obter máis rapidamente diñeiro. Como é de supoñer os nativos pouco criterio tiñan sobre o funcionamento e o tratamento do sistema forestal, deixábanse convencer facilmente por aquela xente estudada. Despois o boca a boca fixo o resto.

Só que se esqueceron de pensar no que viría despois. A ninguén se lle ocorreu facer marcos de plantación ecoloxicamente adecuados, respectar masas autóctonas de árbores caducifolias, que podían servir para conservar a biodiversidade e para iso que algúns acaban de descubrir agora, facer «corta-lumes verdes» (inventar o xa inventado), implementar os camiños e as devastas, que, de toda a vida, xa se viñan facendo, para evitar a expansión dos incendios.

O que hai agora nesas terras non son bosques, son plantacións. E, do mesmo xeito que non se lle ocorre a ninguén sementar millo sen abonalo, sachalo e coidalo, coas árbores non debe ser diferente. Iso é a silvicultura, palabra case descoñecida para os nosos propietarios forestais. En Galicia, a diferencia doutras zonas de España, a maioría dos montes non se xestionan.

As árbores plantadas, que resultaron máis controvertidas, corresponden a diversas especies de eucaliptos, que de por si non son malas. Son resilientes en diferentes condicións ambientais, captan, máis ben pouco, pero captan dióxido de carbono (CO2), fixan o solo evitando a erosión e teñen unha madeira que non é excelente, pero que serve para algo máis que facer pasta de papel. O verdadeiro «pero» é que consomen grandes cantidades de auga, teñen follas adultas duras, dispostas verticalmente ao chan, a súa evapotranspiración é escasa, e ademais, emiten substancias que poden resultar tóxicas para as sementes dalgunhas plantas (alelopáticas), impedíndolles xerminar.

Por falta de xestión, os solos esterilízanse, desécanse e desertízanse. E o exceso de mato que medra sen control é a biomasa responsable de que, ao comezar un incendio, o lume pase rapidamente ás copas e se espalle quilómetros e quilómetros. Isto sen esquecer a casca que se esfiaña e axuda a expandilo.

Queda claro que estas plantacións deberían ser feitas en pequenas extensións (as grandes só son útiles para pasta de papel). Os marcos de plantación deben ser amplos, deste xeito a auga non será absorbida totalmente, a riqueza da biodiversidade superficial poderá conservarse do mesmo xeito que se conservará a microbiota edáfica, en definitiva evitarase a esterilización do solo. Ademais, deste xeito é máis doado rozar e limpar o mato para evitar que os incendios, no caso de producirse, sexan tan graves e que a erosión e a destrución do solo sexa irrecuperable.

Os lexisladores, durante anos e anos, apoiándose en ideas tan absurdas como que as terras son propiedade privada, é dicir, o dono pode facer con ela o que lle pareza sen interferencias, non foron quen de lexislar adecuadamente. Craso erro, aos propietarios dun solar nunha cidade non os sorprende que existan normas de uso e construción do seu terreo, por que co monte non ocorre así?

E, agora, como sempre, os gobernantes pasan de 8 a 80: suprimir si, regular, non! Outra vez bótase de menos a coherencia política e unha boa educación ambiental e ecolóxica da poboación e das autoridades.

09 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.