Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Desglobalización

    A enorme fraxilidade amosada polo actual modelo económico e social, diante da loita contra o covid-19, apuntalaría segundo algúns analistas un retroceso ou superación da globalización neoliberal. Non hai dúbida de que mesmo existindo unha vacina, no vindeiro ano, nada impide que no futuro novos coronavirus entren en contacto co ser humano, e mesmo podan ter características máis malignas. E, aínda existindo un sistema sanitario forte, e preparado para estas situacións polo de agora excepcionais, o desenvolvemento da globalización daría folgos á unha expansión cada vez máis rápida. Será así porque potencia: grandes concentracións humanas nas áreas metropolitanas; transportes masivos e a longas distancias para satisfacer un turismo de masas e o alargamento da cadea produtiva polas deslocalizacións e a economía de escala.

    Tampouco se pode obviar que ademais este modelo está en crise polo medre da precariedade laboral e o desemprego, a forte desigualade social entre clases e entre nacións, a desfeita ecolóxica, o crecemento da débeda soberana (para pagar o salvamento das empresas na crise do 2008), a destrución de nacións enteiras afogadas por guerras inducidas e bloqueos imperiais. Asemade, esta pandemia deixa en evidencia diante da humanidade, máis unha vez, a importancia do sector público para superar as adversidades poñendo o acento no ben común, tanto no aspecto sanitario como no económico e social. Outro aspecto a salientar é a evidencia de que as nacións deben garantir a produción local en todas aquelas áreas que son esenciais para a vida cotiá, sempre que sexa posíbel (a falta de mascaras e respiradores durante a pandemia non é máis que un exemplo). Asemade cómpre destacar que é esencial o control da economía, moeda, taxas de comercio co exterior, máxime se como sucede na UE os intereses das maiores potencias contraditorios, porque os efectos do covid-19 non lles afectan igual ou porque prima unha visión neoliberal e a curto prazo.

    Todas estas cuestións e algunhas máis son as que alentan esta hipótese, que recolle o sentir social de que a medio prazo o sector público irá adquirindo máis forza en áreas esenciais, de que se procurará unha maior diversidade produtiva, e que devecerán os comportamentos cosmopolitas, tan en voga polo auxe da globalización neoliberal. Haberá nacionalizacións? Serán conxunturais como apunta a UE? Até onde se revalorizará o rural? Darase preferencia á produción, comercio e un turismo local, e terá un efecto efecto semellante sobre a cultura e o ámbito da organización social e política?

    Aínda é moi cedo para responder a todas estas preguntas e outras semellantes, en calquera caso todo indica que a desglobalización é unha tendencia que sae moi fortalecida desta primeira fase da pandemia, e que non avanzar por este camiño agudizaría moito as contradicións. Agora ben, non se pode esquecer que todas as grandes potencias (Estados Unidos, China, Alemaña, Francia...) apostan pola globalización neoliberal, co que isto implica en todos os eidos, tamén o da formación das ideas, máxime neste etapa dixital. É así porque as súas economías, e os intereses da súas corporacións, do gran capital, teñen un ámbito mundial e nel un rol destacado.

    Dise que Estados Unidos con Trump oponse á globalización, porén na práctica segue mantendo e mesmo ampliando as súas bases militares no exterior, os seus investimentos financeiros e empresariais, e a dá unha pelexa a morte porque o dólar sexa a moeda de referencia no mundo. Trump non cuestiona o modelo senón que busca por todos os medios que este se axuste aos intereses imperiais e empresarias do seu país. Este aspecto é o centro da confrontación actual entre potencias, e a superación do modelo está subordinado a esta cuestión, malia a gravidade da pandemia, da desfeita ecolóxica e do medre da desigualdade entre clases e entre nacións. Ou sexa, só o fortalecemento das forzas políticas, sindicais e sociais que representen ás clases populares, así como os governos soberanistas das nacións subalternas, que poñan o acento na superación do sistema, poden forzar a desglobalización. Nesta etapa liberalismo e globalización son converxentes, non pode subsistir a unha sen a outra.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    12 may 2020 / 18:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito