Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dez de Marzo. Lembranza e aprendizaxe

    Cúmprese medio século das mobilizacións da Bazan a prol dun convenio propio, provincial, rexeitando o de empresa a nivel do Estado español, xa que esquecía reivindicacións fundamentais para o persoal de Ferrol. Daquela este estaleiro era o que tiña a maior número de empregados no país galego, uns 5.500, aos que se sumaban os das empresas auxiliares. O conflito durou uns meses, mais o día 9 de marzo os traballadores foron desaloxados violentamente da empresa, e o 10 atopáronse coas portas pechadas da factoría, polo que en número de 4 mil decidiron realizar unha marcha até Caranza, onde había unha enorme cantidade de obras en construción e moitos obreiros do sector para unir á mobilización; e ademais permitíalles converxer coa mobilización que esperaban partise do estaleiro de Astano en Fene. Mais á altura das casas baratas saiulles ao paso a policía armada para cortar a manifestación, os obreiros do naval guindaron pedras e as forzas represivas responderon con balas, e como resultado: 2 mortos (Amador e Daniel) e uns 40 feridos. Axiña se estendeu a solidariedade ao resto da cidade, e nos días seguintes especialmente a Vigo, así como á Coruña e ao ámbito estudantil en Santiago de Compostela.

    Ferrol sería tomada polas forzas policiais, mesmo houbo intervención militar, un barco apuntando á ponte das Pías, para evitar que se unisen os traballadores de Bazan e Astano, daquela este último tiña cunha plantilla moi semellante á de Bazan (estábase a construír grandes superpetroleiros, como o Arteaga, de 320 mil toneladas, que se botaría a fins dese ano). Segundo o historiador Bernardo Máiz: “polo menos 200 persoas pasarían á clandestinidade. Sinalemos que só na Bazan houbo 160 despedidos, e outros cen nas empresas da bisbarra, listas negras, e que ficou decapitado temporalmente o que fora o máis potente movemento obreiro da Galiza” (Sindicalismo Nacionalista Galego 1972-1982, A Nosa Terra). Malia este golpe represivo a loita obreira mantivo o pulso en Vigo no mes de maio cunha folga en Barreras, que se estendeu por solidariedade a outras empresas, e no mes de Setembro en Citroen, dando pulo a unha folga xeral comarcal que durou dúas semanas e chegou a abranguer ate 27.000 traballadores na comarca. A resposta do réxime e da patronal foron a represión na rúa e miles de cartas de despedimento. Ao final da folga: centos de obreiros que perderon o emprego a outros que pasaron á clandestinidade ou emigraron, ademais houbo ducias de persoas xulgadas e multas.

    Sen dúbida 1972 foi un ano de reivindicación social e democrática contra a ditadura, no que se amosou a solidariedade de clase, é dicir o nivel de conciencia, Mais tamén que o réxime seguía a actuar coa máxima brutalidade, cuestionando a folla de ruta para un “pacto pola democracia”. Esta proposta do PCE e de CCOO, daquela con unha incidencia moi destacada no movemento obreiro, causou diverxencias internas previas ao 72 na súa mocidade, dando lugar ao nacemento en 1971 da Organización Marxista Leninista de Galiza e ao sindicato de Organización Obreira. Estes tiveron un papel importante en Vigo nas mobilización en solidariedade en marzo e na folga xeral de setembro. Foron albo principal da represión da ditadura.

    Pola súa banda as estruturas do PCE e CCOO sufriron tamén os efectos da represión, porque xa non estaban preparadas para axer na clandestinidade como nos sesenta. Así o comprobei en Astano e a Bazan no ano 1973 (entre maio e xullo) cando traballei nestes estaleiros nunha empresa auxiliar (na construción do Butrón e do Paloma del Mar como electricista). A valoración incorrecta do momento, a pouca claridade respecto dun proxecto transformador, as fendas no compromiso coa cuestión nacional e o dereito de autodeterminación de Galiza, permitiron que o nacionalismo galego, cunha proxecto máis ligado ao momento e a o país, e con maior iniciativa, atraese á mocidade e dera un salto adiante nos vindeiros anos. Substituíndo deste xeito a estas forzas que foran referenciais no ámbito político e sindical perante a década dos sesenta do século pasado. As folgas do 72 non se poden analizar como unha foto fixa, hai un antes e un despois, e xustamente teñen valor polo que implican no proceso histórico como salto cualitativo.

    Neste contexto o movemento obreiro mundial e galego non pode, nen debe, ficar á marxe da disputa política cun papel protagonista. E neste aspecto, tendo en consideración os cambios, o ano 1972, como conxuntura, ten aspectos dos que se poden tirar ensinanzas, tanto para non repetir erros como para ter en conta os acertos. Só así as loitas da clase obreira galega de 1972, dos labregos e labregas combativos, do estudantado rebelde, dos emigrantes patriotas, terá sentido como unha data especial a lembrar o Día da Clase Obreira galega.

    Neste intre ficamos nunha nova conxuntura histórica, neste caso a nivel mundial. O capitalismo está na súa etapa senil (como a definía Samir Amin), e que a globalización neoliberal é incapaz de dar unha resposta pacifica, progresista, aos retos cos que se enfronta a humanidade no futuro. Tal como se reflicte coa pandemia do covid-19, a invasión da Ucraína por Rusia, co que isto implica en todos os aspectos (esencialmente morte e destrución), despois de intentar sen éxito un acordo que afastase das súas fronteira a ameaza da OTAN e se cumprisen os acordos de Minsk (despois de 13 mil mortos no Dombás), a escaseza de recursos esenciais, o medre da desigualdade, a especulación, as sancións que reproducen o cerco ás cidades medievais, a dobre vara de medir, o control dos estados polas corporacións, etc. E isto implica, non só recuperar a mobilización que ligue as loitas concretas cos obxectivos a medio prazo, e deixar en evidencia aqueles máis de fondo, senón que aumente o activismo e militancia organizada. Cómpre polo tanto disputar o relato, a folla de ruta, ou sexa: a iniciativa, o protagonismo e a loita das ideas. Que a razón venza á forza.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    09 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito