Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Día da Paz e ‘Dúas Marías’

    ACABAMOS de celebrar o Día escolar da non-violencia e a paz hai uns días, concretamente o 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario da morte de Mahatma Gandhi, o líder indio que durante tres décadas nos demostrou que significa ter conviccións e como loitar e/ou reivindicar, de forma pacífica, a independencia dun país, dereitos e xustiza social, renovación ética e espiritual do ser humano... Un home que nos deixou unha herdanza impagable e citas para a historia que non perden vixencia como, por exemplo, “non hai camiño para a paz; a paz é o camiño”.

    Coa celebración desta efeméride os colexios buscan facer visible o labor que se realiza durante o curso e afondar na necesidade de educar nunha cultura de paz, que lle permita ao alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que contribúan ao seu desenvolvemento como cidadáns críticos comprometidos, non só cos seus dereitos senón tamén cos doutras persoas.

    Ademais de Gandhi, o 30 de xaneiro tamén é o 38 cabodano do falecemento na Coruña dunha compostelá que sufriu, xunto coas súas irmás e en primeira persoa, os efectos da violencia social e institucional por seren mulleres e por pertenceren a unha familia anarquista, durante a ditadura de Franco. Anos e anos de sufrimentos, de vexacións, de represalias e fame provocaron que se visen abocadas á loucura para fuxiren da cordura. Unha loucura sinónimo, nesta ocasión, de dignidade e de liberdade en tempos de represión.

    Algo que comprenderon moitos dos seus veciños que se ocuparon de que non morresen de fame e mesmo fixeron unha colecta para arranxar o teito da súa casa tras un temporal. Seguro que moitos de vós xa vos decatastes que estou a falar de Coralia Fandiño Ricart e da súa irmá Maruxa, falecida tres anos antes, coñecidas como As dúas Marías, despois de que morrese unha terceira irmá, ou As dúas en punto, porque saían pasear xusto a esa hora. Dúas mulleres que empezaron sendo personaxes curiosos, obxecto de mofas e burlas, para converterse en mitos e, finalmente, en símbolos e auténticas iconas compostelás.

    Marabillosas elas, todas garbosas e de ganchete, grazas ao escultor César Lombera, no paseo da Alameda santiaguesa. Marabilloso tamén o documental elaborado por Henrique Rivadulla Corcón ao redor da súa vida e inesquecibles as interpretacións das actrices Mabel Ribera como Coralia e de Belén Constenla como Maruxa na obra teatral Voaxa e Carmín, un 10 de febreiro do 2017. Xa van aló catro anos! Ai, que ghaniñas vos teño de volver ao teatro!

    02 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.