Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

¿Diálogo ou suma de monólogos?

    NO imaxinario colectivo callou a visión da política como un campo de batalla. No devir vertixinoso da nosa sociedade, a palabra configurouse como arma de asalto e a linguaxe emprégase para atacar, para acender, para asaltar Capitolios, para alimentar a carraxe e para dividir á sociedade. Mais cómpre lembrar que o motivo esencial polo que o ser humano fala é outro: as verbas serven para entenderse. De nada vale chamar ao diálogo cando o diálogo enténdese como unha suma de monólogos.

    O Goberno que lidera Inés Rey na Coruña escolleu hai tempo o seu camiño, unha folla de ruta que pasa por escoitar a quen pensa distinto, buscando nesa conversa os puntos que nos achegan, non os que nos separan.

    Dende xuño do 2019 na Coruña témolo feito restablecendo relacións con tódalas administracións, e pechando diferentes acordos.

    O último deles, entre administracións, veñen de protagonizalo a nosa alcaldesa Inés Rey e o presidente da Xunta, Alberto Núñez, dando luz verde ao convenio para o novo Chuac, o que compromete á Xunta de Galicia a facer unha importante inversión en sanidade na cidade da Coruña nos vindeiros dez anos.

    Se cadra, hoxe a tendencia xeral é outra e vende máis a confrontación, xustamente no momento no que creo que debería prevalecer o entendemento e a procura de acordos.

    Mentres os defensores do branco e os defensores do negro baléiranse nunha loita sen final, esquecen, parafraseando a Goytisolo, que a vida non é branca nin negra, senón que se dirime nos infinitos matices dos grises. O auténtico diálogo é o que supón que na defensa da postura de cada quen sempre hai posicións lexítimas. É o xeito de entender a quen está enfronte, como interlocutor, non como inimigo. É a única forma de construír sen excluír, unha actitude que está na esencia do Goberno do que teño a honra de formar parte, da man de Inés Rey.

    20 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito