Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Disolución de En Marea

    En Marea decidiu o pasado 26 de setembro de 2020 iniciar o seu proceso de disolución.

    A organización que impulsou, con outras forzas políticas de ámbito estatal, unha das escisións que tivo o Bloque Nacionalista Galego na asemblea de Amio non resiste máis dunha lexislatura. Estes escindidos do Bloque, os do Encontro Irmandiño, fundaron Anova que xunto coa Esquerda Unida da actual ministra Yolanda Díaz fundaron AGE.

    Unha lexislatura máis tarde sumaron ao proxecto a Podemos, que na fundación de AGE aínda non existía, e crearon a marca En Marea que se convertiu nun partido instrumental.

    En Marea chegou a ser a segunda forza política do Parlamento da Galiza pero só aguantou unha lexislatura, ata chegar a ter nas pasadas eleccións de xullo a irrisoria cifra de 2.800 votos dos 408.000 que conseguira anteriormente.

    Foi un camiño tormentoso o que iniciaron os escindidos do BNG en Amio coa creación de Anova e a posterior alianza con Esquerda Unida e Podemos. A mesma Anova tamén tivo unha escisión, Cerna.

    E as loitas internas polo poder dentro de En Marea entre Anova máis Esquerda Unida e Podemos levaron á irrelevancia nun tempo moi curto a En Marea.

    Na súa derradeira xuntanza só participaron 52 persoas que decidiron maioritariamente a súa disolución.

    O experimento de crear a chamada “esquerda rupturista” non aguantou. Pesaron máis as loitas internas que facer a pretendida ruptura. As mareas non chegaron a romper nin un plato naqueles sitios onde tiveron responsabilidades de goberno coma Santiago, Ferrol ou A Coruña.

    O propio Pancho Casal, última persoa en presentarse ás eleccións do pasado xullo baixo a nomeada Marea galeguista dixo nunha entrevista publicada nun xornal o pasado 28 de setembro que o caso de que unha forza política pase de ser a primeira forza da oposición á irrelevancia en só catro anos non ten antecedentes nin a nivel estatal nin internacional.

    Un rupturismo teórico, o de En Marea, que o único que rompeu foi o seu propio proxecto en catro días. Estaban máis ocupados nas súas liortas internas que na acción política dentro da sociedade.

    Foron milleiros de persoas de boa fe as que confiaron no proxecto de En Marea e nas persoas que estaban á súa fronte que en pouco tempo se decataron dos personalismos existentes dentro do proxecto que levaron a fortes discrepancias.

    As cousas voltaron en pouco tempo ao lugar de onde partiron, e nestas pasadas eleccións de xullo volveu a haber tres forzas políticas no Parlamento galego: PP, BNG, PSOE. Sendo o Bloque a segunda forza política do país outra vez.

    O experimento AGE-En Marea penso que veu demostrar que os nacionalistas galegos non podemos fiarnos de forzas políticas estatais que o único que lles interesa é utilizarnos para facer política a nivel de España e non centrada nos intereses propios da Galiza.

    Así pois, En Marea pasa á historia coma un experimento que non foi quen de durar, xunto con AGE, máis de dúas lexislaturas, recuperando o espazo propio da esquerda galega un BNG que xa o tiña dende hai ben anos.

    04 oct 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito