Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Diverxo!

    NO balbordo que desataron sobre as “macrogranxas”, a faramalla política oculta as verdadeiras intencións: os lobbis da industria cárnica tratan de impedir a regulación da cría animal, tal e como demanda a UE. PP e PSOE póñense, en comandita, ao seu servizo, aínda que o estado español leve sancionado pola UE desde o 2015.

    A roña comeza cando unha web do sector cárnico agrandiu as declaracións do ministro Garzón ao xornal The Guardian, axeitadamente terxiversadas, mesmo omitía que se refería as “macrogranxas”.

    O presidente de Castela-León, F. Mañueco (PP) emborroouse e todos os medios tumba que dálle contra o ministro. Pero tamén os presidentes de Castela-A Mancha, G. Page, e de Aragón, J. Lambán, (PSOE) comezaron a dar en Garzón. E, despois, todo o PSOE, incluído os do Goberno.

    Ambas as rexións teñen tres coincidencias: é onde existen máis macrogranxas e onde están proxectadas outras que traspasan as trinta mil cabezas. Ademais, é onde están instalados os lobbies das industrias cárnicas que dirixe o socialista Fernando Moraleda. No caso de Page tíñano ameazado en decembro con fortes mobilizacións se se opoñía as macrogranxas.

    En decembro debateuse na Comisión de Agricultura do Congreso unha proposta de UP, que instaba a atender as demandas da UE en materia de gandería: PP e PSOE votaron en contra.

    Por outra banda, o Ministerio do Agricultura traballa nun decreto ante a necesidade de adaptar a gandería á lexislación europea, pero non dá avanzado pola presión do lobbie cárnico. A intención de que as granxas non superen as 850 cabezas ou que non se poidan levantar máis nas zonas saturadas, atopa todos os atrancos.

    Galiza é a máis prexudicada polas “granxas sen territorio”, pois tiran cos prezos, tanto no sector lácteo como cárnico, cando non saturan unha comarca como A Limia con grandes danos ambientais.

    Pero PPdG e PSdG, e aínda o sindicato UA, non só esquecen o enxeco para a nosa economía e medio ambiente, senón que se suman á campaña moi ben organizada polo potente sector cárnico que hai anos xa puxo os ollos na nosa gandería: recrían becerros fora e véndenos como “carne galega”.

    15 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito