Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Divisando o futuro

    Xaneiro é o mes dos comezos. Din que o seu nome ten a súa orixe no deus Xano, unha deidade romana que presidía todo o que tiña relación cos cambios. Xano ten unha característica que axuda a recoñecelo facilmente: represéntase con dúas caras mirando en direccións opostas; ten dous rostros. Un mira ao pasado e outro cara ao futuro. Talvez por iso unha das súas caras é a dunha persoa anciá e outra a dun mozo. Era habitual esculpilo en arcos e portas, coma unha especie de Deus que presidía as transicións. En Roma invocaban o seu nome agardando boa fortuna e a xente facía agasallos como mostra das boas intencións con respecto ese novo ano que comezaba. Quizais exista algunha relación coa nosa tradición de entregar agasallos nesa mesma época. A min gústame xaneiro porque todo o mundo empeza o ciclo cargado de esperanza e ganas. De facer cousas novas, de mellorar outras, de mudar o que non funciona como debe... E así, con todas esas metas, ves cara ao futuro próximo cun rostro que é diferente ao que ve cara ao pasado. Cando era unha nena e alguén mencionaba o ano 2000 eu pensaba que os ceos das cidades estarían ateigados de coches voadores, que vestiriamos roupa prateada e que existirían máquinas para viaxar no tempo. Talvez porque anos atrás chegaran á TVE Os Supersónicos, de Hanna e Barbera, Famosa enchera os escaparates de Selene, a Nancy do Espazo e, grazas a Doc e ao DMC DeLorean, Marty McFly conseguira burlar as leis do espazo-tempo. Case todo o que imaxines do futuro desde os ollos infantís será sempre decepcionante. Calquera cativo ao que fales de coches voadores, máquinas para viaxar no tempo e traxes prateados poría hoxe a mesma cara de fascinación ca unha nena dos anos setenta, porque hai cousas imposibles. Mais tamén é certo que as crianzas do presente teñen ao seu dispor posibilidades coas que nós nin sequera podiamos soñar. Sexa como for, se hai algo innegable é a capacidade da vida para sorprendernos sempre do xeito máis radical. Non adoito marcarme obxectivos para o ano que empeza, porque viviría coma un pequeno fracaso non conseguir cumprilos e porque me gusta que exista un certo caos arredor de min; é unha maneira de sentirme libre. Nin sequera sei que é o que vai presidir o 2023. Despois do que nos sucedeu no 2020 é arriscado atreverse a facer vaticinios. O que sei é que os comezos son marabillosos e que nunca, xamais, debemos perder a capacidade de ilusionarnos. Tamén nisto as crianzas poden darnos unha lección. Eu desexo que a nova etapa que comeza este xornal teña ese rostro de Xano divisando o futuro con ganas e coa valentía que sempre preside os retos.

    25 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.