Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Don Camilo e os espías

    A lóxica dos resultados electorais xa está moi analizada, pero non tanto os seus aspectos parapsicolóxicos. Por iso fun facer sesión espiritista con Cela, que este verán está moi só porque con isto da pandemia achéganse menos turistas á súa tumba. O típico visitante adoita vir en parella, e con frecuencia el coméntalle a ela que no instituto tivo que ler La colmena de lectura obrigatoria. E fai un xesto coma de querer botarlle a culpa a don Camilo por tela escrito.

    Óense cousas moi surrealistas ao pé daquela tumba e algunhas delas funas anotando nun caderniño: “El libro que escribió es un plagio que le robó a una señora de La Coruña”, díxolle unha vez unha moza a un mozo que a acompañaba. Noutra ocasión oín a un señor dicir con autoridade case homérica algo tan épico entre as virtudes do premio Nobel coma isto: “Bebía por el culo”.

    Vese que a xente vai elevando ao noso escritor desde o plano da biografía ao nivel da lenda. Pero de todas as flores do meu herbolario a favorita é esta: “Foi un espía de Franco”.

    – Coño, si. Díxomo un militante do Bloque, que tamén me fixo unha pintada na pedra: “Españoleiro”. Tivo que vir o concelleiro de cultura a borrala.

    Pero agora o Bloque xa non é o que era. Está máis manso cas ovellas e xa non ten lobos nin lobeiras. A nova líder non fala máis ca de soños, e dilles aos galegos que se boten a soñar, que o soñar non ten cancelas. Queda inaugurado o tempo do Galician Dream, e quedan abolidos os españoleiros.

    – Coño, que oportuna mudanza.

    No fondo, no miolo do bolo, o cambio do Bloque consiste e insiste na eliminación da palabra españoleiro do seu léxico patrimonial. Unha palabra de máis ou de menos basta para crear a infelicidade ou felicidade no mundo, dicía o vello Chateaubriand. Dá gusto: acabáronse os españoleiros, e incluso os espías de Franco. De agora en diante só pode haber, se cadra, espías de Feijóo, porque vén sendo tradición que cando un político vai camiño de gobernar corenta anos empece a padecer algunha paranoia.

    E a prudencia maquiavélica aconsella ir pensando en meter algún espía dentro do Bloque para cachear a fondo as súas tobeiras e lobeiras. Nunca se hai que fiar. Por confianza na inmortalidade e por falta de espías, ao final a Franco levantárono da súa tumba en helicóptero.

    – Coño, non deas ideas. Prefiro ficar neste recuncho debaixo da oliveira, mesmo esquecido e comido polas silveiras coma o cemiterio dos ingleses en Madera de boj.

    18 jul 2020 / 01:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.