Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Don Camilo e os traidores

    MOITO duraron este ano as gardenias do meu xardín. Coma na canción de Machín, fun lixeiro (pero non veloz) levarlle dúas a Cela, e de camiño o radar de Conxo cravoume unha multa. Neste país a ninguén lle gusta que lle leve flores a don Camilo. Nin sequera aos radares, que atacan de costas co flash do cinemómetro coma Bruto co puñal. Na novela do noso escritor, Mazurca para dos muertos, unha voz di: “La mayor parte de la gente lleva dentro un traidor”. Se cadra os robots tamén.

    –Coño, si. Aquí ao lado, no Inferno de Dante xa non cabe un traidor máis.

    Quen ultimamente se doeu de vivir un inferno de traizóns é o alcalde Jácome de Ourense. “Nunca me imaginé que estaba fichando traidores”, lamentaba estoutro día nunha entrevista histórica. Pero un político galego que se queixe dos traidores non ten perdón, porque xa don Manuel Fraga avisou de que habelos hainos. Aínda que el tardou en coñecelos porque no seu tempo de ministro de Franco non había traidores (o Caudillo fusilounos a todos), e foi na democracia cando Fraga descubriu a figura do traidor en política, recuperando para nomealo esta bonita palabra medieval: felón. Así, en masculino, porque o que non chegou a experimentar don Manuel é a felona. A muller pode traizoar algo en amor, pero en política (se está ben pagada) traizoa menos. Por iso Fraga foi dos primeiros líderes que abriu o seu partido á entrada de mulleres a eito, aínda que fosen mediocres. Incluso houbo sitio para Celia Villalobos. Cóntao ela mesma no seu pobre libro (por que lle chamarán libro a iso), La política apasionada: seica no partido ninguén quería a malagueña nun escano, empezando por Álvaro Lapuerta, pero don Manuel mandouno chamar, e guindoulle este raio xupiterino: “Alvarito, quiero que Villalobos sea diputada. Y deja ya de tocar los cojones”. Esta palabra era a que máis lle gustaba a Fraga de todo o Diccionario Secreto de Cela.

    –Coño, si. Ese precioso acusativo, coleonem, é o que fixo máis fillos a todas as linguas latinas. Éche moi creativo e recreativo.

    Pois Villalobos nunca cometeu traizón a Fraga; como máximo gustoulle presumir de “verso libre”, pero, como dixo Valéry, en poesía un verso libre pode ser todo menos libre. E en política o mesmo (sobre todo se o salario é farto). E volvendo a Jácome: para librarse dos seus traidores vai ter que saber algo de latín.

    –Coño, si, polo menos un chisco da sabedoría coleónica de don Manuel: en política hai que ter epítetos e atributos.

    10 oct 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.