Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dona Emilia en flor

    ESTE ano no terreo da cultura Emilia Pardo Bazán vai ter moito peso. Dito sexa sen ironía, porque como muller de peso (“mi cuerpote”, dicía ela), xa bastante tivo que aturar o aguillón dos misóxinos do seu tempo. Pero agora é máis celebrado ca nunca o seu peso literario, a gravidade do seu universo. Este ano as letras de Pardo Bazán van esmagar o Día das Letras deste ano de Xela Arias. Por unha razón de peso: en dona Emilia case todo é literatura; en dona Xela case nada é literatura.

    En todo caso vai ser un ano de divertimento para os heterodoxos das letras á conta das parvadas que imos oír (algunhas xa se empezaron a escribir nos primeiros días deste ano de neves) e que ao final non van caber nas torres de Meirás, que seica “xa son de todos nós e de todas nós”, como dixo un dos nosos esgrevios máis rústicos. Pero non sabemos que facer coas Torres.

    Poderiamos repartilas entre todos e todas de xeito que a cada un e a cada unha lle toque cadanseu anaco das súas pedras. Ítem máis: poderiamos repartir entre todos e todas os miles de libros da biblioteca de dona Emilia. Ítem máis: poderiamos repartir entre todos e todas as ducias e ducias de cartas de amor de Galdós a dona Emilia. Pero ulas elas. Disque as queimou Carmen Polo, a muller do Caudillo.

    Mentira, calumnia. Se dona Carmen tivese no seu poder as cartas de amor que escribiu don Benito, teríallas dado ao seu home: “Toma, Paco, aprende”. As cartas de Galdós non as hai. Non existen porque os amores daqueles dous foron asimétricos (sempre pasa iso entre escritores): ela amou; el deixouse amar. E para os que só se deixan amar todo o monte (de Venus) é orégano e (se cadra) orgasmo. Pero sen paixón.

    Falando de paixóns, e no caso de que repartamos entre todos e todas a biblioteca de dona Emilia, eu teño un “me lo pido”: un libro que seguramente ten que estar nas Torres e que hoxe é o libro que con máis urxencia necesitan os políticos, politólogos e pulpitólogos desde o nivel do palleiro até as alturas do Capitolio en Washington.

    Trátase de A influencia das paixóns sobre a felicidade, escrito por Madame de Staël, a quen dona Emilia rende admiración no seu ensaio La cuestión palpitante, recoñecéndoa como escritora cunha “prodigiosa cultura, excelso entendimiento y talento varonil”. (Isto do “talento varonil” será de moi difícil deglución mental para as cabezas feministas máis confusas). Hai moito que reflexionar sobre as paixóns, porque desde o século XVIII témolas moi esquecidas. Sobre todo a máis funesta para a política, segundo a Baronesa de Staël: l’esprit de parti. No mundo non cabe un sectario máis.

    16 ene 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito