Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas semanas despois do ‘Prestige’

    “PASOU o día, acabouse a romaría”. Os que negaban hai vinte anos a catástrofe ecolóxico-política, agora afirman fache(a)ndosos: “non pasou nada que non se puidera remediar. Estamos mellor ca antes”. Como a min sempre me gustou ir ao rebusco, traio aquí o que escribín dúas semanas despois do accidente:

    “A desfeita do Prestige non é, unicamente, un desastre ecolóxico máis na nos longa historia de cidadáns agredidos directamente a través da natureza, senón que se converteu nunha cuestión de dignidade nacional. Non se trata só de que en 30 anos de catástrofes nas nosas costas non se fixese nada para pórlles cabo, como denuncia o mesmo Consello de Europa. Nin sequera da desorganización, a falta de medios, a desinformación e a incapacidade para loitar contra a marea negra. Tampouco que se tomasen as decisións máis lesivas para Galiza das posíbeis, deixando todo ao goberno dos azaros que se poden converter en malfados. Algo evidente, enunciado por enunciado, por moito que teimen en pintar a realidade os gobernos central e autonómico.

    O que pasou na Galiza estas dúas semanas é moito máis grave. Des-de a Moncloa pisaron o Estatuto de Autonomía furtándolle ao goberno autonómico as competencias ex-clusivas en Medioambiente e Pes-ca. Foi a aplicación práctica da
    doutrina Aznar que tenta baleirar de contido o marco competencial das nacionalidades históricas. Pouco importa que, como afirman algúns, só traten de liquidar a autonomía do PPdG nas loitas intestinais da dereita. O significado e o resultado foi o mesmo: o Goberno galego viuse ninguneado e apartado das decisións.

    Pero a culpa non é só de Madrid. A Xunta, comezando polo seu presidente, fixo total deixación dos seus deberes, xurados na toma de posesión: “defender os dereitos de Galiza”. Non importa onde estivo Fraga, senón ¿por que non estivo Fraga? Ante esta situación, a estas horas, por hixiene democrática, xa deberían ter dimitido máis de media ducia de persoas, comezando polo propio presidente. Dimitir ou explicarlle toda a realidade ao pobo galego para que poda defender os seus dereitos e o seu Goberno libremente elixido”.

    26 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.