Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

É a economía, non a demografía

    LEVAN anos machicándonos coa idea do envellecemento poboacional con cualificativos tan alarmantes como “inverno demográfico”, “sangría demográfica”, “suicidio demográfico”, “catástrofe demográfica, “desastre demográfico” e, aínda “etnocidio”... Apareceu así un novo consenso demográfico, impulsado pola dereita, sen que se poña en cuestión o cerne do relato.

    Non se dan conta dos fundamentos ideolóxicos e as implicacións
    sociais que hai detrás desta campaña, por iso a oposición non cuestionou no aspecto ideolóxico a proposta da Xunta.

    A denominada “demografía apocalíptica” só se entende no marco do actual auxe do pensamento neoliberal, que atopa no declive da poboación e no avellentamento os soportes argumentais para construír un discurso demográfico que pasa polos recortes dos dereitos sociais e o fenómeno de privatización dos servizos públicos. Propician a volta ao
    vello natalismo franquista nas políticas públicas, presentadas como o elemento que nos vai salvar e redimir dun futuro que nos amosan como desacougante.

    Defenden que a estrutura demográfica de Galiza é a primeira causa do fracaso e do atraso económico, e aínda afirman que nos levará a desaparición como galegos se non se asumen e poñen en práctica as medidas correctoras propostas no eido demográfico desde a Xunta.

    Presentan unha imaxe fixa e estática da realidade nun momento determinado, esquecen que os 65 anos de agora non son os de hai medio século e agochan a persistencia da emigración. Máis dun cuarto de millón de xoves nos últimos dez anos!

    A súa mensaxe é clara, con tremenda forza ideolóxica: contamos con demasiadas persoas maiores, obviando que a extensión da lonxevidade humana é un dos grandes logros sociais, polo que a presenza na sociedade galega de persoas que cada vez viven máis tempo en mellores condicións de saúde é algo a celebrar, non a lamentar.

    As ratios demográficas non determinan nunca o tipo de relacións sociais nin económicas existentes ou a futuro.

    En Suecia, por exemplo, a produción e a renda medran no seo dunha sociedade avellentada. En Galiza non, porque o problema non é a demografía, senón a economía.

    30 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito