El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{no pasar dos días}

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

A Citania das Artes

08.05.2011 
A- A+

NUN RECOLLEITO ESPAZO compostelán de calma e pedra, que o pasar do tempo conservou na praciña da Algalia de Abaixo, reabriu as súas portas a veterana Citania. Galería de Arte. Á inauguración concorreu unha destacada parte da elite artística, intelectual e social para testemuñar esta nova etapa na súa fecunda e singular historia. A prestixiosa sala de exposicións, sucesora da de Torques (1975-1979) e continuadora da inicial Citania (1978), rexentada arestora como copropietario polo dramaturgo e académico numerario da RAG Euloxio R. Ruibal, coa colaboración de Montse Nieto, e baixo a experimentada dirección da galerista, e tamén copropietaria, Cristina Carballedo, recibiu unha espléndida acollida no inicio da reactivación da súa xestión programática.

As salas inauguráranse con mostras de González. Pascual e Manuel Prego, e con conferencias de Blanco-Amor e Álvaro Cunqueiro, respectivamente. No seu admirábel historial figuran 300 mostras da obra de sobresaíntes nomes galegos e non galegos (Colmeiro, Laxeiro, Torres, Seoane, Castillo, Maruxa Mallo, Quessada, Virxilio, Labra, Lago Rivera, Elena Colmeiro, Lamazares, De Dios, Pestana, Ortiz Alonso, Caruncho, Buciños [...] e Picasso, Saura, Tàpies, Lucio Muñoz, Miró, Dalí, Le Parc, Palencia, Lybinka...). Actividades artístico-culturais, complementarias ou paralelas, cuns 50 actos. Editáronse memorábeis carpetas de obra gráfica (Laxeiro, Granell, Colmeiro, Dans, Costa, Virxilio, De Dios, Lamazares...) e a revista Citania. Artes, Letras, Espectáculos, na que colaboraron recoñecidos especialistas como Germán Gullón, Luís Hueso, Emmanuel Larraz, Alberto Ruiz de Samaniego , Xosé Luís Axeitos, Lourdes Méndez, J. M. González Herrán, Paulino Pereiro, Nélida Piñón... Toda unha época que o bo amigo, poeta e crítico de arte, Xavier Seoane, rememorou nun texto ("Os signos do inexplicable") para un catálogo do pintor Luís Fega, como un lugar relevante nos setenta no que o labor benemérito que esa galería tivo coa arte galega foi exemplar e sería continuado na galería Citania.

Citania. Galería de Arte dedicará atención preferente á arte galega máis significativa das distintas xeracións que están a crear no presente, e á realización de actividades paralelas. Ábrese a porta do futuro coa mostra Hoxe, auga mazada, esculturas e debuxos de Paco Pestana, de obra sempre sorprendente e diferenciada, allea a claras definicións clasificatorias máis alá dun peculiar onirismo entre primitivista e inxenuísta, expresado con imaxinativas presenzas zoomórficas, resoltas en tallas sobre madeiras non sempre policromadas e en cadros con relevos ou sinxelos deseños animados con collages. Pestana é un artista polifacético, un creador múltiple, autodefinido como "escultor, poeta, polemista, showman, contador de historias, fabulador e filósofo da vida". Pero os eixos fundamentais da creatividade xiran arredor da escultura e da escritura. Como el mesmo ten dito: enferma da escritura e cúrase coa escultura. En fin, grazas a Paco Pestana pola súa obra. E os meus parabéns e longa vida para a galería Citania.

Da Real Academia Galega