El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

enfiando

AFONSO EIRÉ

O único centro que queda é Madrid

12.01.2019 
A- A+

ESTES días, coincidindo co aniversario do nacemento de Simone de Beauvoir, enchéronse de chíos as redes cunha frase súa que centos de persoas cavilaron que viña moi a conto:

"Non esquezades nunca que chegará cunha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados. Eses dereitos nunca se dan por adquiridos. Deberedes permanecer vixiantes durante toda a vosa vida".

A negación da violencia de xénero, a que Vox lle está a pór voz, amplificándose a súa mensaxe por mor das negociación políticas en Andalucía, é a constatación de que Simone de Beouvoir tiña razón, pero tamén de que os avances sociais é moi difícil retrotraelos a onde quixeran situalos os poderes que ostentaron a verdade durante séculos.

Hoxe a negación in terminis xa non é posíbel e os negacionistas non teñen máis remedio que enmascarar o seu discurso e disfrazar o que verdadeiramente pensan, acubillándoo nunha igualdade ficticia e mentireira.

Xa non é ninguén capaz de defender: "mateina porque era miña".

O problema ao que se enfronta a sociedade, e non só galega, non é que Vox negue esa violencia de xénero. Nin que Vox sexa xenófobo, racista, islamofóbico, machista e clasista... E que estea nas institucións.

O problema é que unha parte da sociedade española asume ese discurso, aínda que, até o de agora, non era quen de expresalo publicamente.

O problema é que non está só Vox, senón que a dirección actual do PP e, aínda de Ciudadanos, están máis ou menos de acordo en tronchar tanto as nosas liberdades individuais como colectivas... As 19 propostas de Vox "inasumíbeis", coincidían exactamente co proposto durante a campaña por Pablo Casado e son análogas a anteriores propostas de Rivera.

O problema non é tampouco que os tres partidos da dereita española cheguen a alianzas senón que compartan referentes (comezando polo franquismo), intelectuais orgánicos, creadores de opinión, medios de comunicación que inventan e difunden as súas argalladas, símbolos, axenda, linguaxe, horizontes e fins últimos: concentrar o poder e a riqueza en poucas mans e rachar todo vínculo cívico e solidario, sacándolle as institucións o seu papel de protección e cooperación. Poñendo un Estado, raquítico, en suma, ao servizo dos seus intereses.

Dóeme comprobar como moitos compañeiros que loitaron polas liberdades e contra o franquismo apoian agora estas teses por máis que atenten directamente contra os dereitos humanos.

Mentían antes, ou menten agora? Serán quen de ollarse no espello das hemerotecas?

Está visto, o único centro que queda é Madrid.

Xornalista

Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...