El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{tribuna libre}

JAVIER CASO IGLESIAS, ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ Y FRANCÍ XAVIER MUÑOZ

Agora que Podemos Unidade Cidadá e Popular!

25.08.2015 
A- A+

Afirmaba Íñigo Errejón na inauguración da Universidade de Verán de Podemos que “tralas xerais, Podemos debe mudar de maquinaria de guerra electoral a movemento popular”. Algúns pensamos que debe de ser antes. Non podemos pospor as cousas, non vaia ocorrer nesta cuestión como aconteceu con Izquierda Unida (IU), a cal está todo o día falando dese “bloque social e político de progreso” que queren conformar (e que teorizaron hai máis dun cuarto de século no seu Manifesto para a articulación de IU de 1988) e, con todo, non terminan de apostar dunha maneira clara, inequívoca e sen vacilacións pola conformación do mesmo.
Ata agora, a “unidade popular” non se deu a nivel estatal por carecer, non só da vontade dos suxeitos políticos encargados de impulsala, senón de movementos político-sociais similares aos existentes en Madrid, Barcelona, Compostela, A Coruña, Zaragoza, Cádiz... previos ás confluencias electorais locais.
Moitos advertimos que Municipalia marcou a folla de ruta de todas as forzas políticas na cidade de Madrid, deseñou un espazo no cal a confluencia era posible, unha confluencia sen exclusións e sen patrimonialismos, unha confluencia na que cabían as esquerdas e os de abaixo, que son os dous paradigmas dominantes no espazo de ruptura e necesarios para conformar unha gran maioría social de cambio.
Na actualidade, parte das dificultades para lograr a confluencia segue estando no discurso e en entender que non se trata de conformar u­nha “fronte de esquerda” senón un gran espazo político no que se atope cómoda toda unha gran maioría social. Iso é Agora Madrid e Barcelona en Comú. Iso debería ser Catalunya Si Que Es Pot ou unha posible Marea Galega ou calquera outra opción nova como a que podería xurdir do Banquete de Conxo 2.0, “iniciativa pola Unidade”.
Ademais, é normal que aparezan estas dificultades, máis cando no seo de Podemos, por exemplo, a sensibilidade hexemónica actual dentro da organización, os CQP (Claro que Podemos), non teñen unha liña común de actuación e o que permiten facer nuns sitios prohíbeno noutras zonas xeográficas. Mentres nalgunhas CC AA acéptanse coalicións de sumas de siglas e sopas de letras e os acordos fanse en despachos a porta pechada; noutras aplícase o fetichismo orgánico, identitario e excluínte en función de siglas, que pretende que todo sexa franquía de Podemos.
Ante iso, pola nosa banda propoñemos, como modelo referente e paradigma para os procesos de “unidade popular”, o que se está desenvolvendo por parte de Agora Madrid, pero non construído tampouco como instrumento ao servizo dos intereses de Izquierda Unida senón aberto a outras organizacións e colectivos sociais e baseado nunha concepción de radicalismo democrático que favoreza unha verdadeira participación cidadá sen hexemonía de partidos políticos. Outro modelo sería unha “marea galega” na que estivese o BNG. Calquera dos patróns anteriores (ou mesmo algún novo) poderá servir, impulsando un partido instrumental ao servizo do empoderamento da cidadanía a través dun verdadeiro proceso de “unidade popular” moi inclusivo, no que o programa fose elaborado colectivamente polo conxunto da cidadanía, dando participación activa de verdade a todas as sensibilidades presentes nesta, un proceso no que as candidaturas se elixisen nunhas primarias abertas ao conxunto da sociedade e non só aos inscritos nos partidos que participasen na alternativa electoral.
Nada está decidido. Todo pode ser acordado aínda. O noso papel debe consistir non só en ser testemuñas pasivas senón en contribuír a promover e alcanzar (na medida das nosas posibilidades) a unidade cidadá e popular e seguir adiante, sempre adiante.

(*) Javier Caso Iglesias é analista político, Óscar Lomba Álvarez é licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio, e Francí Xavier Muñoz é Diplomado en Humanidades e en X­estión Empresarial