El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

premio moz@s articulistas

ALEXIA GONZÁLEZ ALVITE

Unha sanidade pública digna

24.03.2019 
A- A+

Debido a falta de persoal na administración cada vez faise máis difícil atender os pacientes nos diversos hospitais de Galiza, en concreto, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Nos últimos meses, son significativas as distintas folgas. A sociedade protesta pola falta de persoal do sector sanitario. Cada vez aumenta o número de doentes que precisan atención médica, ademais ao estarmos en inverno incrementan os casos de gripe, polo tanto o problema desencadéase cando estas persoas van ao hospital para ser atendidas e teñen que pasar moitas horas na sala de espera ata que finalmente pasan a consulta. Neste aspecto, deberíase ter en conta que hai certas persoas que non poden aguantar tanto tempo. Como ben sabemos, a sanidade en España é pública, polo tanto temos o dereito de ser atendidos correctamente cando precisemos sen esperar moito tempo. A miúdo, os médicos non revisan os doentes como é debido polo apuro que teñen para atender aos demais doentes. Isto leva a consecuencias peores, por exemplo que o enfermo volva ao día seguinte coa mesma dor ou que empeore e colla unha enfermidade máis grave. Tamén cabe destacar, que algunhas persoas desta comarca morreron por esta causa, xa que os médicos non auscultaron ben ao paciente e receptáronlle ibuprofeno e paracetamol, como é habitual. Ao fin, o problema que tiñan foi a máis e acabaron falecendo. Parece incrible, pero é real, actualmente moitas persoas morren por enfermidades que non son tan graves comparadas con outras, por exemplo co cancro.

Por isto, deberíase contratar máis persoal para traballar nos hospitais, xa que moitos deles están no paro ou sen praza de traballo. Non gañan o salario que deberían para realizar a súa vida cotiá ou teñen que buscar pola súa conta un traballo digno que non teña nada que ver cos estudos que realizaron anteriormente. Por outra parte, temos que ter en conta que a sanidade é moi importante, porque a nosa saúde vai depender dela e dos expertos que traballan nese oficio. Pois sen eles, non teriamos quen nos curase ou polo menos o intentase facer, porque tamén temos que ter en conta que en diversos casos é difícil tratar a algunhas persoas xa que non todas as enfermidades son iguais.

As solucións que se deberían tomar para que non aumentasen as mortes nesta comunidade autónoma serían as seguintes; contratar máis expertos para que poidan curar as persoas e para que non pasen moitas horas de espera nos corredores de urxencias. Así como tamén, atender preferentemente os rapaces menores de certa idade, as persoas xubiladas ou que sufran unha dor grave. Tamén sería de vital importancia, atender correctamente aos pacientes, dedicarlles tempo e realizarlles as probas necesarias para que poidan solucionar os seus problemas. Non é posible coa política de recortes e nós, os cidadáns, non percibimos eses recortes nos impostos. Polo tanto, temos dereito a ser atendidos dignamente.

1º de bachillerato La Salle. Santiago