El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ OS OUTROS DÍAS }

ALFREDO CONDE

Escoitando á muller esvelta e loira

17.11.2019 
A- A+

Onte, é dicir, mércores pasado pasei dúas horas ollando fixamente pra unha muller esvelta e loira. Nunca na miña vida tal fixera. Dúas horas, ou acaso un pouco máis, son moitas horas. Abeirado nun dos palcos centrais do anfiteatro desa xoia tan dignamente recuperada que é o Rosalía de Castro de A Coruña; máis que abeirado, diría que entobado na silandeira escuridade do palco, ollaba con teimosía case que pecaminosa pró milagre da voz humana nacendo non sei se don fondo da gorxa ou do fondo da alma de Sondra Radvanosky mentres, a muller esvelta e loira así chamada interpretaba arias de operas compostas nos seus días por Vivaldi e Bellini, por Verdi e Dvorák, por Donizetti e Puccini, antes de chegar á media ducia de bises cos que deixou prendada dela á toda a concorrencia; non só a min que xa non estou pra moitas emocións desas que atinxen á víscera cardíaca. Menos mal que a xordeira foi unha a xeito de barricada que me impediu entenderlle cada vez que se dirixiu ós espectadores en inglés, engaiolándoos a todos; no meu caso, os resultados poderían ter sido catastróficos.

Había unhas poucas horas que, escoitando imprudentemente unha conversa telefónica, oíra unha afirmación tal como "xa lle din de comer algo rico" referíndose a un can miúdo e torto, cego e algo trenco, exento testicular -ó que algúns chaman con nome de xeneral lexionario sen que eu lle vexa a graza- e fun eu e molesteime porque o que entendín foi que "xa lle din de comer ó borrico" crendo que afirmación tan sucinta ía referida a min e non ó cuadrúpede.

RECÓRDOO ASÍ porque, cada vez que entre aria a aria, a muller loira e esvelta de prodixiosa voz se dirixía ó público na lingua de Shakespeare o público ría compracido e a diva ía afacéndose con el e cos corazóns todos que no público latexaban. Ouh, as emocións e os pálpitos do espírito!

ÁS VOLTAS A VOZ de Sondra Radvanovsky era un gorxeo inicial, logo un gurgullón maino e soave, máis tarde o rouco e mol fragor dun tronar lonxano ou as pingas desprendidas dun carámbano de xeo batendo, unha tras doutra, na tona dun illó senón xeado si cando menos frío, o seu eco distante. Cánto me gustaría a min non ser o ignaro que son nestas cousas do bel canto pra ser quen de describirlles con exactitude os prodixios da súa voz, as emocións que en todos suscitaba.

Foron dúas horas noutro mundo distinto e distante do que quedara fóra, do que seguro que ninguén pensou durante elas, suspendidos os ánimos nas emocións que os prodixios da voz humana poden suscitar en nós se quedamos prendidos dela; quede claro que me refiro á voz humana cando o que esta nos transmite e harmonía e beleza porque as que quedaran fóra, non poucas delas, tamén transmiten encontradas emocións que nos confunden mentres o que corrompen é a convivencia.

Quero dicir que, ó longo das dúas horas, non me acordei do visir Iznogud, o personaxe que creou Goscinny e debuxou Jean Tabary, que quere ser califa en lugar de Harún el Pussah e, pra elo, entra a saco no campo semántico que pretende borrar do mapa e, así, di liberdade, e di conciencia, e di patria como se estas palabras fosen súas e dos seus e non de todos.

EN DÚAS HORAS non pensei nin por unha soa vez nos que pretenden facernos crer que El Rei foi deica La Habana, da noite prá mañá, enviado por un insolvente gobernamental, ocultando deliberadamente que este tipo de viaxes leva meses e meses concertalos.

En dúas horas esquecín os que un día pídenlle ó gobernante en funcións que dimita e ó seguinte acúsano de que non os convoque pra acadar un acordo de goberno. Pau se rezas, pau se non rezas, porque de ter sido convocados seguro que o ridiculizarían acusándoo de imprudente ou de insensato cando xa contaba cunha negativa previa.

Ó longo e dúas horas, habitando na harmonía e disfrutando da beleza, fuxín deste a modo de Patio de Monipodio cheo de maleantes intelectuais, de ladróns orzamentarios fillos espirituais cando non de izas, si de rabizas e colipoterras, afeitas á prostitución da linguaxe e o deterioro das palabras.

AGORA ENTRETÉÑOME en cismar en quen pode ser Rinconete e quen Cortadillo, tamén en quen o novo ou vello Monipodio redivivo, porque saber xa sei quen é o Visir Iznogud malia que tampouco non teña claro aínda o personaxe gordiño, bonachón e sobre todo inxenuo e frouxo que estea facendo de sultán Harún El Pussah.

PROPÓÑOLLES A VOSTEDES idéntica ocupación prá tardiña deste domingo que imaxino chuvento e alborotado. Pero procuren non escoitar aria ningunha das compostas polos autores que quedaron reseñados máis enriba, menos se as canta Sondra Radvanovsky porque poden conducilos á evasión da amarga realidade coa que a Historia semella volver ameazarnos. E iso tamén constitúe un bo perigo.

ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA