El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

ISABEL GONZÁLEZ

Algunha suxestión máis

14.12.2017 
A- A+

CHEGAMOS a finais de ano e deixamos a sección [PALABRAS e PAROLE] na que temos tratado da aparente facilidade da lingua italiana e dalgunhas curiosidades dos léxicos galego e italiano porque non queremos anoxar demais. Baixo o encabezamento de [VARIA] tentaremos, a partir de agora, comentar algúns temas que xulguemos de interese. Antes despedímonos con algunhas precisións no terreo analizado ao longo deste ano.

Na redacción do dicionario bilingüe como o noso, un dos problemas máis graves é o da acentuación porque, a diferencia do galego, na lingua italiana non existe: na maioría dos casos non hai acento gráfico o que constitúe unha enorme dificultade á hora de saber a súa pronuncia: para un galego sería normal pronunciar "mitilo" (mexillón), con acento na segunda sílaba, mentres que a súa pronuncia correcta é con acento na primeira, "peripecia" pronúnciase en italiano "peripezìa", "adúltero" è "adultèro" (sen ningún acento gráfico). No dicionario temos, xa que logo, que indicalo dalgún xeito, por exemplo, subliñando a vogal onde recae o acento tónico": "smania" (inquietude, axitación, desacougo), para poder pronunciar correctamente as palabras en cuestión, ante a carencia de acentuación gráfica.

Temos que afrontar tamén o problema dos chamados 'falsos amigos' que fan cometer unha chea de erros ao pensar que o italiano é moi sinxelo. Para resolvelo podemos optar, por exemplo, cunha observación: "officina" é o "taller" se lle poñemos unha observación que diga "en italiano oficina dise ufficio" evítanse moitos erros. No caso de"rissa" que corresponde ao galego "liorta, refrega, agarra" poñeriamos unha lenda que dixese "para referirse á risa en italiano dise "riso", e así sucesivamente.

Non podemos obviar o problema das frases feitas. Convén incluír algu­nhas, polo menos as que consideremos máis importantes: "raios e tronos": "tuoni e fulmini" aprendendo ao mesmo tempo dúas palabras máis; "far buon viso a cattivo gioco": "ao mal tempo boa cara" ou "a caval donato non si guarda in bocca" que traduciría ao noso "a cabalo regalado non lle mires o dentado"; "al muro basso ognuno ci si appoggia" é dicir "da árbore caída todos fan leña", etc. Tampouco podemos esquecer os sinónimos (e antónimos) porque facilitan moito a aprendizaxe dunha lingua que, como sabemos, é un dos obxectivos primordiais dun dicionario bilingüe na súa perspectiva didáctica. Por exemplo, "picardía" é en italiano "furbizia", se ofrecemos os sinónimos "astuzia", "malizia" ou se no caso de "cume" (it. "cima") ofrecemos os sinónimos "bico", "cúspide" "pico", etc. será moito máis eficaz. Os antónimos, completarán aínda máis a entrada: "chiaro"/ "scuro", "incollare" /"scollare" "pegar"/"despegar". Non insistimos no problema das equivalencias de palabras como "'ndrangheta" que ao non ter un equivalente en galego non queda máis remedio que explicar: "organización criminal calabresa".

Rematamos cunha característica dos exemplos que, como sabemos, son parte fundamental da microestrutura do dicionario. Non convén que sexan demasiado longos senón axustados á realidade e reais: non podemos dicir "cada ano prodúcense oito eclipses de sol", porque só se poden dar cinco como máximo; "O Miño é un río andaluz" porque non o é. Deixémonos de peneirar 'palabras' e 'parole' e comecemos a pescudar noutros eidos.

Catedrática Filoloxía Italiana USC