Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A MANDALA

Auria matemática

    2019 foi declarado Ano Internacional da Táboa Periódica por Nacións Unidas para conmemorar os 150 anos da súa publicación por Dimitri Mendeleev. A miña querenza pola química débolla a Rafael Boullón, docente do IES das Lagoas. A xornada dedicada á mesma, o 14 de marzo, no Consello da Cultura Galega e coordinada por Manolo Bermejo, Ana González e Marcelino Maneiro foi unha oportunidade para lembrar e seguir aprendendo. Na táboa hai hoxe algúns elementos prognosticados por Mendeleev en virtude da orde que estableceu na mesma. De todos podemos aprender e, como poden comprobar nos vídeos da xornada, ata entoalos en galego, con letra feita pola a química de Ánxela Gómez e Xosé Tato.

    Quero salientar o elemento conectado co topónimo que aparece por duplicado no meu DNI. O ouro que, polas minas que existían na cidade, déronlle o brillo ao nome. Apelando á táboa Ourense é a cidade de peso atómico definido, e con auria referenciada grazas de Afonso V. Monxardín.

    As Matemáticas comparten o título, e unha parte da auria deulla o feito de acubillar a LV Olimpiada Matemáticas Española. Sumar Matemáticas e Ourense espértame unha fonda gratitude: ás persoas que apoiaron institucional e economicamente o evento, polo intelixente investimento feito coñecendo a súa valía; ás persoas que nos agasallaron con entusiasmo e tempo desde as diferentes delegacións e ao equipo de xuíces; ao bo facer do ourensán Felipe Gago xunto co equipo de Sementeira, formado por Pilar, David, Dani e Óscar, que tamén é de Ourense; a todas e todos os estudantes que participaron gozando ao resolver problemas durante varios días. Grazas pola pegada de emocións e sorrisos que puxeron en clausura da mesma, e na que fomos conscientes de que ademais de elemento químico Ourense ten número: o número áureo. Aprendemos a súa relación coa sucesión de Fibonacci, que tan presente estivo na entrega de mencións e medallas, que foi moi ben identificada por Martín Padrón, estudante do IES As Lagoas e estalmateiro aurio da undécima promoción!

    Auria Matemática é un binomio real pola proporción entre rigor e o traballo, antes, durante e despois de finalizados os estudos. A súa brillante valía ben de quedar constatada no informe de Impacto socioeconómico de las matemáticas en la economía española encargado pola Red Estratégica de Matemáticas (REM) e elaborado por Analistas Financieros Internacionales (Afi). Trátase de facer números para evidenciar, como dixo o presidente da REM, o benquerido Tomás Chacón, que as matemáticas vense como algo no que investigamos uns cantos académicos afastados da realidade cotiá, pero o certo é que son cada vez máis un recurso nacional estratéxico. Gustaríame pronosticar que as matemáticas son o elemento aurio na ideal "táboa dos elementos do coñecemento" onde, como na táboa periódica, todos son importantes e cada un co seu propio peso e no seu lugar.

    Permítanme situar hoxe esta reflexión en Ourense, patria da autora e de moitos profesionais das matemáticas!

    Profesora de Matemática Aplicada na USC

    29 abr 2019 / 21:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito