El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ tribuna libre}

MARÍA LOPO

Baixo o signo de Olimpia

12.04.2017 
A- A+

Carme Alvariño Alejandro, muller e cidadá, naceu certamente baixo o signo da súa admirada Olympe de Gouges. Catedrática de Xeografía e Historia de Ensino Medio, Carme interesouse dende os inicios da súa carreira profesional polas mulleres na historia e pola historia das mulleres, tal e como mostran os seus primeiros escritos de investigación sobre o mosteiro das clarisas de Compostela. O seu labor docente, anovador e aperturista, valente e transversal, nutríase das súas inquedanzas intelectuais, do mesmo xeito que estas nacían moitas veces das lagoas ou carencias atopadas no traballo de aula.
Como muller comprometida coa súa profesión, colaborou activamente na creación de materiais didácticos non sexistas, que contribuísen a unha visión non androcéntrica da Historia, documentos cos que se puidese deseñar unha historia das mulleres de Galicia, visibilizando personalidades nas que inspirarnos e deitando luz sobre a memoria muller das xeracións esquecidas. O seu estudo introdutorio á tradución galega dos escritos políticos e literarios da autora da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, ou a publicación sobre as compostelás do século XIX testemuñan da súa lúcida visión. Sororidade.
Como historiadora comprometida co seu tempo, preocupouse da recuperación da memoria oral, gráfica e escrita da IIª República, así como da tan reveladora vida cotiá baixo a ditadura, privilexiando sempre o rescate memorial das mulleres represaliadas. Solidariedade.
Como docente comprometida coas súas alumnas e os seus alumnos, dinamizou os centros de ensino nos que traballou. Dunha banda, enriqueceu a aprendizaxe regrada, organizando múltiples actos nos que participantes externos completaban e diversificaban os programas oficiais. Citarei, a modo de exemplo, as oito edicións da Semana Intercultural do IES de Sar, nas que foi colaboradora e motor indispensable. Doutra banda, puxo en valor os traballos do seu alumnado, aportándolles saberes, conceptos e ferramentas cos que descubrir o seu lugar, cos que cuestionarse sobre o establecido. Penso, por exemplo, na súa coordinación de traballos de campo e de aula sobre o barrio de Sar, a catástrofe do Prestige, a guerra de Irak, o campo de concentración de Lavacolla ou as irmás Fandiño Ricart, as Marías de Compostela, investigacións que conectaron coa sociedade a través da súa publicación en Galicia e da súa recensión na prensa do exilio francés. Xenerosidade.
Como cidadá comprometida, militou en diversos colectivos e asociacións culturais que enriqueceron cos seus actos e xornadas a vida compostelá, facendo cidade e facendo memoria, recuperando e reivindicando sempre con paso firme a liberdade de palabra no corazón de Compostela; unha destas aventuras colectivas máis recentes foi a da Asociación Sine Nomine. Crear sinerxias, proxectar ao alumnado o documental imprescindible descuberto nun festival, dar noticia á cidadanía do intelixente Guernica en relevo realizado pola creatividade conxunta de alumnado e profesorado do noso bacharelato de Artes. Honestidade.
Como compañeira, seguirá con nós, na revolta irredutible e no riso necesario; e falando do humor imprescindible para o saber, tan só boto de menos non terme rido con ela dos “estándares de aprendizaxe”, oxímoro xenial, pois Carme é exemplo vivo de que non hai nada menos estándar que a verdadeira aprendizaxe.
Dende hai uns meses, en París, nun pequeno teatro, Le Guichet Montparnasse, se representa a obra Olympe de Gouges, porteuse d’espoir, portadora de esperanza. Carme, ao sabelo, escribiu: “Imprescindible”. Como Olimpia de Gouges. Como Carme Alvariño.
(*)A autora é profesora de lingua francesa
no IES de Sar