El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Devagar

XAVIER SENÍN. ESCRITOR

Biblioteca Fundación Caixa Galicia

02.11.2007 
A- A+

A Caixa de Aforros de Santiago crea en 1974 un centro de animación articulado arredor dunha biblioteca que se convertería nunha das bibliotecas especializadas en fondos infantís e xuvenís máis veteranas de España.

A Biblioteca Club 33, en referencia ao número e ao nome da rúa na que estivo instalada, desenvolve dúas funcións complementarias: a de biblioteca especializada e a de club, entendido como centro de actividades de tempo libre.

Nunha decidida aposta pola literatura galega, a biblioteca pon a disposición dos usuarios toda a produción de Literatura Infantil e Xuvenil publicada na nosa lingua e un amplo fondo en castelán. Programa actividades de animación á lectura: talleres de teatro e de escritura, faladoiros, hora do conto, exposicións, encontros con creadores, presentacións de libros... Unha sección especializada de obras temáticas, de referencia e consulta permite participar e colaborar en traballos de documentación e investigación con diferentes entidades e institucións.

O club organiza unha ampla serie de iniciativas culturais nas que se pretende implicar a rapazada: talleres de música, plástica, fotografía, manualidades, xadrez...

A biblioteca programa actividades de extensión bibliotecaria: o Premio Fundación Caixa Galicia de Narracións Xuvenís Rúa Nova, canle estable de descuberta de novos talentos; o Curso de Formación Continua das Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas con GÁLIX e a Universidade de Santiago. Máis de 30 títulos conforman o catálogo de publicacións: guías, cómics, colección de textos gañadores do Premio Rúa Nova. Un Boletín mensual mantén informados os usuarios.

Deseñada por Luis Arribas e consolidada por Xosé Victorio Nogueira, un dos valores da biblioteca é o profesional equipo humano dirixido por Pedro Lucas do que forman parte Álvaro Álvarez e Beatriz Prado.

En 2007 iníciase unha nova etapa no Centro sociocultural e xuvenil de Frei Rosendo Salvado; con salas de lectura para cada grupo de idade, locais para talleres e un amplo espazo expositivo, a Biblioteca seguirá a ser referencia obrigada da literatura para a infancia e a mocidade.