El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Cambio de horario, ¿si ou non?

16.09.2018 
A- A+

SERÍA necesario falar, primeiro, do informe aprobado no ano 2015 no Congreso sobre a conveniencia do cambio de huso horario que rexe para o territorio, pois a transferencia meridiana do noso país é enteiramente artificial, ao quedar entre o GMT+ 1 e o GMT+2, dependendo de si estamos en inverno ou verán. Pode que así sexa posible comezar, por fin, a racionalizar os horarios e renunciar ás modificacións semestrais que só conseguen confundir ao noso cerebro e ao noso corpo, deixándonos, por días, nunha especie de jet-lang. Agora, de novo, e a instancias de Europa, estamos ante un novo intento de modificación dos horarios a fin de tratar de facelos coincidir coa realidade solar dos países que conforman a UE. Un sistema posto en funcionamento polos EEUU que durante a II Guerra mundial tiñan a urxente necesidade de aforrar combustíbel. En Europa sería a partires de 1974 cando empezou a ser regulada, e dende o ano 2001 se aplica en toda Europa con carácter definitivo.

Estudios hai para todo sen que se poñan de acordo sobre os beneficios ou as maldades deste sistema que obriga a variar os nosos biorritmos cada seis meses. Ben é verdade que a pesares de que a moitos lles seduce a idea de dispor dunha hora máis de luz en inverno, ou sexa quedármonos co horario de verán, os expertos aseguran que para Galicia, un país atlántico e do sur de Europa, o horario de inverno sería o mellor, xa que se estaría máis cerca do horario natural que nos corresponde pola nosa posición xeográfica. Cómpre salientar que esta situación na que nos atopamos agora é unha anomalía vital e social imposta, hai mais de setenta e cinco anos, nos inicios da ditadura franquista, e que os sucesivos gobernos da democracia non foron quen de corrixir.

Agora, o goberno ten aceptado o acordo da Comisión Europea de suprimir os cambios de hora en toda Europa. Unha proposta que se tornou efectiva á vista dos resultados dunha consulta pública, na que participaron case 5 millóns de cidadáns europeos que se manifestaron en contra dos cambios horarios. Cerca do 84% dos participantes quere rematar co cambio semestral do reloxo e soamente en Chipre, Grecia e Malta houbo un empate entre as dúas opcións. A decisión terá que ser posta en práctica polos países membros, de forma que se manteña a homoxeneidade no mercado único. Unha das entidades que máis loitaron por este cambio é ARHOE ( Comisión Nacional para Racionalización de Horario Españoles) que ten manifestado en numerosas ocasións que ao seu xuízo prexudica gravemente á sociedade, destacando nas palabras do seu presidente que as pretensións de Junker, presidente da Comisión Europea, de manter o horario de verán só beneficiaría aos países do norte de Europa. Ao mesmo tempo, defende manter o horario de inverno e regresar ao meridiano de Greenwich. O goberno de España, de novo, anunciou a creación dunha comisión de expertos para avaliar as consecuencias e fixar a posición de España. Váiase a saber o que sucede.

Da Real Academia Galega