El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Carburantes e fiscalidade

25.08.2019 
A- A+

VAI ir alá para unha anualidade de eu terme referido a este tema de hoxe sobre o que, coa evidencia conseguinte do malestar da meirande parte da cidadanía, temos de concluír que a aplicación do seu gravame foi, lamentabelmente, cara a peor. Aludía entón a cando o Goberno central prometeu que non subiría os impostos nos carburantes e logo, nunha carreira de disposicións e contra disposicións, elevou a presión fiscal ata os 2.000 millóns de euros. Un imposto, v.g.o do diésel, que afectara e moito ás clases traballadoras, cun efecto inflacionista sobre a economía, influíndo no traslado terrestre de mercancías e nos desprazamentos laborais nunha poboación dispersa e de transporte público insuficiente, sometidos ás alzas e baixas dos carburantes nas que tamén se pretenden incluír máis ou menos certas causas de mercado e razóns medioambientais. Esta situación foise e vai agravándose no pasar do tempo. O Goberno xa lle informou a Bruxelas de que entre os impostos que vai subir figura o do gasóleo.

Neste período o prezo da gasolina acusou moi diversas variantes e nos recentes tres meses a diferencia de custe excedeu o nivel que viña sendo habitual entrambos combustíbeis. Concretando, pódese dicir que a distancia entre o prezo do gasóleo e máis o da gasolina ten estirado as súas cotas aproveitando -como adoita suceder descaradamente- as grandes festividades e o extraordinario tsunami de tráfico turístico cara ás vacacións do verán, ascendendo o prezo da gasolina 11 céntimos por riba do do gasóleo, de tal xeito que se rachou o nivel dos 8 ou 9 céntimos que marcaban a súa diferencia. Seguindo esa táctica de encarecementos subiron doutra volta os carburantes rompendo a liña de descensos producida nun mes. Dende unha perspectiva de mediados de xullo o prezo medio da gasolina acadou unha alza do 0,22% e dun 0,33% en relación co diésel.

Comunícase dende a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) que a marxe que se lle ven aplicando ao prezo da gasolina elevouse en meirande medida do que ao diésel. Deica xuño -indícanos J.M.Camarero-, esa referencia ascendía a 21 cs. por litro comercializado, fronte aos 17 cs. do mesmo mes de 2018. E dicir, nun ano, a ganancia que consigue o vendedor ascendera a un 23% para a gasolina. No caso do gasóleo, a marxe pasou dos 17 aos 19 cs., que supón unha suba do 11%, case a metade,  nun período no que o custe da materia prima descendeu lixeiramente, feito que non xustificaría o incremento do prezo dun produto en relación co outro.

En palabras de María Jesús Montero, ministra de Hacienda, a La Sexta o seu obxectivo é recuperar a medida de elevar con que está gravado o gasóleo achegándoo aos impostos na gasolina para "de xeito progresivo igualar o diésel á gasolina, sen afectar aos condutores profesionais". Lembremos que arestora o imposto especial sobre hidrocarburos que grava ao diésel é de 30,7 cs. de euro por litro reposto, fronte aos 40,25 cs. por litro da gasolina. En fin, dálle que dálle.

Da Real Academia Galega