El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

ALFREDO CONDE

O caso é que non pintamos nada

05.05.2019 
A- A+

HAI XUSTO UNHA SEMANA encollía o animo o feito de contemplar o absoluto silencio que se espallaba sobre este país arredor da súa presenza no acontecer histórico que se estaba desenvolvendo nas urnas democráticas. Conveñamos, pra comezar, en que tamén sucede así a causa de nós mesmos. Non serei eu quen diga que é o que necesitamos ou o que debemos facer. Pero si quen repita que temos o que a nosa sociedade é quen de xerar sen necesidade ningunha de que ninguén veña botarnos unha man. Nin sequera vascos e cataláns nos botaron unha man á hora de mencionar as nacionalidades históricas españolas e aceptemos que, estes e aqueles, non son exactamente parte dese conxunto no que sempre vertemos os nosos sentimentos de fracaso.

LAMENTO EXPRESARME ASÍ. No meu gremio, nese conxunto formado polos escritores do país, hai unha certa veneración polo concepto que se expresa cada vez que dicimos Galeuzca con certo aire de complicidade. Confeso que non é o meu caso. Sempre souben que en Cataluña non deixei de ser nunca parte dos charnegos e en Euskadi dos maquetos. Por iso nunca esperei deles a solidariedade coa que moitos soñan. Alá eles. Pero probe país o noso se espera algo deles. O caso é que non pintamos nada. Ó longo da nosa Historia recente tivemos algúns momentos luminosos. O Rexurdimento foi un deles. A Xeneración Nós foi outro. O Primeiro Estatuto de Autonomía, outra máis. E cando toda Galicia saíu á rúa a reclamar o recoñecemento da nosa condición de nacionalidade histórica foi outro máis que nos conducíu ó actual Estatuto de nacionalidade histórica. E quietos-paraos non vaia ser que nos pasemos. Axiña comezaron as devaluacións e as cualificacións impertinentes: Parlamentiño. Parlamento de cartón. Autonomía, non: autodeterminación. Mentres, os outros, intentaban reconstruír as súas realidades paso a paso. Aínda houbo algo máis. O pequeno lostregar do goberno tripartito e a primeira lexislatura de Fraga. Logo veu Aznar e Fraga pregouse do mesmo xeito que antes se despregara. A partires de aí os trunfos foron ben probes. Fixemos unha selección galega de fútbol, brincamos un par de horas nun par de ocasións e aí comezou a morrer o conto.

O ACTUAL GOBERBO GALEGO leva anos costa baixo no que se refire á política cultural propia de nós. A que nos poda dar conciencia do noso papel no conxunto español. Agora, agás en Ourense, onde o presidente da súa Deputación, parecer ser o único político decididamente a favor dunha política cultural responsable e seria, o partido gobernante no noso país acaba de ver o resultado de aceptar a política suicida seguida polos seus dirixentes estatais. Agás en Ourense o partido das dereitas perdeu a súa hexemonía. Será sección galega do partido que gañou as eleccións quen de afrontar a realidade galega dun xeito que, agora sí, xa todos acepten? Non o sei; de entrada Ramón Piñeiro xa non está e non se ve unha figura equivalente que sexa quen de concitar a anuencia que il concitou no seu momento. Unha lástima porque, agora, superados maximalismos e determinados infantilismos, puidera ter chegado o momento de comezar a traballar pola consecución dunha voz propia no conxunto do Estado. A boa cociña require tempo e lume manso e millor non contar con cheffs arroutados que vaian deixando tras súa regueiros de frustracións e siglas, pegadas de nomes que canibalizaron, zapatazos que o convertan a eles en figuras mediáticas e deterioren ó conxunto dos demais esforzos tan traballosamente elaborados.

NON NOS RESTAN MOITAS MÁIS OPORTUNIDADES antes de que a nosa voz desapareza de todo no panorama español. Ata Cantabria conta xa con esa voz e con ela outras realidades. Qué meigallo será o que nos tole non xa coma pobo, senón mesmo coma persoas? Haberá un día no que unha esquerda galeguista e unha dereita galeguista xunten ilusións e esforzos de xeito que España nos devolva a metade de lealdade e de esforzos que nós lle levamos tributado dende hai séculos? Pode. Pero non esquezamos que, de chegar a facelo, ha ser porque nós llo recordamos. Non por outra causa ningunha.

ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA