El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

palabras e parole

ISABEL GONZÁLEZ

Curiosidades

05.11.2017 
A- A+

COMO en todas as linguas, no italiano hai certas cousas que chaman a atención, polo menos a min como falante estranxeira -non italiana-, por exemplo, o que pasa cos equipos de fútbol italianos ("le squadre di calcio").

Cal é a razón de que "La Roma", "la Lazio", ou "la Fiorentina", sexan de xénero feminino fronte a "il Cagliari", "il Napoli" ou "il Verona" que, pola contra, son de xénero masculino? As explicacións que se atopan nos dicionarios ou enciclopedias non son moi convincentes.

Nalgúns compendios de gramática italiana, poucos, dise que os equipos deportivos que adoptan o nome dunha cidade (Torino, Genoa, Milano) son masculinos, cousa que non explicaría o caso de "la Roma", "la Bologna" ou "L'Udine". Por outro lado, tampouco parecen concluíntes certas explicacións que se dan para xustificar as excepcións. Dise, por exemplo que, o feito de que "la Roma" sexa de xénero feminino débese a que o seu nome completo é " Associazione Sportiva Roma", mentres que se emprega o xénero masculino no caso de "il Bologna" ("Bologna Futball Club"), "il Torino" ("Torino Futboll Club"), ou "il Genoa" porque a súa denominación orixinaria é "Genoa Calcio".

Moito menos contundente aínda é, por exemplo, que "la Fiorentina" (Associazione Calcio Fiorentina"), en feminino, débese ao feito de que se sobreentende o substantivo feminino "squadra", en galego "equipo". En calquera dos casos hai algunhas excepcións que non xustificarían nada ou moi pouco do dito.

Outra curiosidade da lingua italiana ten que ver coa formacións dos femininos dos nomes de oficios e profesións porque para adaptar a lingua á realidade, os cambios sociais e culturais dos últimos anos crearon a necesidade de formar o feminino de certas profesións que estaban só reservadas aos homes. Aínda que continúan as dúbidas, polo xeral o feminino dos nomes de oficios aos que xa hai tempo que accederon as mulleres, está bastante estabilizado: "maestro/maestra", "professore/professoressa", "studente/studentessa"...

Pero, ás veces, cando as profesións ou oficios eran normalmente "de" homes, o artigo é masculino seguido do nome propio: "il medico Giulia Messina", "il giudice Ada Poloni", "l'ingegnere Federica Rossi" e non "medica", "giudice" "ingegnera" e moito menos "soldata". Teñen un certo valor irónico, incluso pexorativo: presidentessa, filosofessa, sindachessa", chegando ao extremo de engadir "donna" antes -máis raramente despois- do nome da profesión: "la donna poliziotto", "la donna magistrato", "la donna soldato".

De calquera maneira, este é un proceso en evolución porque certamente as oscilacións e as incertezas no emprego do feminino dos nomes de profesións ou oficios non dependen tanto da gramática coma da sociedade e os cambios que se están a producir.

Estas son simples curiosidades pero sería bo que nos dicionarios ou enciclopedias non se obviara este tipo de explicacións porque, xa que logo, unha información complementaria sería, cando menos, útil para solucionar moitos problemas ou dúbidas que doutro xeito quedarían sen resolver.

Catedrática de Filoloxía Italiana na USC