El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

AFONSO EIRÉ

En defensa de Amancio Ortega

25.05.2019 
A- A+

MIRADE que non hai persoas ricas no Estado español e vai Podemos e arma unha estragueira electoral meténdose con Amancio Ortega por doar cartos!. Casualidade? Se cadra non tanto.

Voulle tomar prestadas unhas declaracións de Camilo Nogueira a El País cando Inditex sae á Bolsa:

- "Non entendo algunhas posicións que se manifestan contra desta empresa. Hai xentes moi dadas a buscar explicación fraudulentas contra as empresas galegas que teñen éxito".

E, tanto, pois o autor da reportaxe recibira a encomenda da dirección de procurar que era o que tiña que ver Amancio Ortega co narcotráfico. Sería unha explicación moi doada para o seu éxito, desde unha visión centralista.

Poida que só fora que, como resaltaba El País, "acada un grande éxito sen gastar en publicidade" e "nun lugar afastado".

Pero retomemos as verbas de Camilo Nogueira: "É unha das poucas fortunas que existen en España fundamentadas en negocios industriais e non en actividades especulativas ou baseadas en concesións públicas".

As declaracións de Camilo Nogueira, producíanse tres anos despois de que el, como eurodeputado, e Xosé Manuel Beiras, como voceiro nacional do BNG, visitaran as instalacións de Inditex en Arteixo. Non só foron recibidos polo propio Amancio Ortega, senón que o presidente de Inditex se deixou fotografar cos dous políticos nacionalistas. Até daquelas non existían fotos públicas do empresario.

Esa foto, usada logo unha e outra vez polos medios, fora un espaldarazo ao BNG na súa política de chegarse ao "tecido empresarial e aos seus axentes sociais", como explicou aquel día X. M. Beiras. Que remarcaba ademais, o interese desta visita para coñecer as interioridades do que cualificou como "prodixio empresarial e un claro exemplo da terceira revolución industrial".

O encontro tivo lugar o 19 de abril do ano 2001. Xa choveu, pero, algúns, semella que na vez de avanzar recuamos.

Que Amancio Ortega é un empresario... Evidente. Que Amancio Ortega procura o máximo beneficio. Elemental. Que as condicións de traballo poidan que non sexan as mellores e aínda que explota a traballadores do Terceiro Mundo... Cecais. Que trata de pagar os menores impostos posíbeis... Estou seguro.

Pero que me digan os de Podemos que grandes empresas non o fan e cantas hai con problemas con Facenda, o que non é o caso.

E que me digan tamén que empresarios españois van por aí realizando doazóns multimillonarias.

Poida que Podemos só tentase marcar a súa axenda electoral... Pero que o faga cunha empresa galega non é casualidade, senón causa dunha visión e uns intereses centralistas. Non é a primeira vez. Mágoa que os seus socios estean calados.

Xornalista